top of page

Compromiso por Lalín inaugura unha nova sede de campaña na rúa Luis González Taboada

Rafael Cuiña apela ao entusiasmo do partido e anima á cidadanía a sumarse a un proxecto de "cambio ilusionante, construtivo e con visión estratéxica de futuro"


Ecos da Comarca/Lalín

Compromiso por Lalín conta dende este sábado cunha nova sede de campaña. O local está emprazado no baixo do número 11 de rúa Luis González Taboada. Trátase dun espazo acolledor e funcional, habilitado para o traballo de partido de cara ás vindeiras eleccións municipais, así como un punto de encontro aberto á veciñanza e ao público en xeral.


“A alternativa está en marcha!”, proclamou o candidato de CxL, Rafael Cuiña, na apertura oficial do local, que se realizou onte cunha reunión de membros de Compromiso na que se pecharon algunhas das liñas estratéxicas de acción política e social para os vindeiros meses.


Cuiña apelou ao entusiasmo e ao esforzo dos integrantes da formación neste período electoral, que “vai ser moi esixente, pero no que debemos deixar claro o noso enorme potencial de crecemento”. “Cando hai Compromiso, non hai límites”, remarcou o candidato, consciente de que cada vez hai máis xente que ve en CxL a panca do cambio político en Lalín.

Cuiña convidou á veciñanza a visitar a nova sede e sumarse a un proxecto de cambio ilusionante, construtivo e con visión de futuro. “Neste proxecto”, subliñou, “collemos todas e todos, e todas e todos temos algo que achegar para construírmos un Lalín moito mellor que o que nos deixan os que presumían de ser o mellor para Lalín”. “O compromiso dos nosos veciños e veciñas é imprescindible, porque cando hai compromiso, hai alternativa!”, lembrou Cuiña.


Cuiña anima a toda a cidadanía a comprometerse activamente no proceso de cambio. “Queremos que a xente se sinta parte integrante deste proxecto, e por iso abrimos as portas da nosa nova sede electoral a todas as persoas interesadas en coñecer a nosa proposta e compartir as súas ideas e preocupacións”, explicou.


Fixo fincapé tamén en que “a transparencia é un valor fundamental para nós, e cremos que este novo espazo é un exemplo vivo da nosa vocación de servizo público e da nosa disposición a escoitar e traballar cos veciños e veciñas de Lalín".

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

“Esta sede electoral”, engadiu, “é un símbolo do noso compromiso co noso pobo e da nosa disposición en traballar duro para ofrecer unha alternativa real aos problemas que se enfrontan actualmente". "Estamos entusiasmados coa oportunidade de traballar xuntos e construír un futuro mellor para o noso pobo e a súa xente", dixo.


A sede electoral contará con diferentes actividades, como reunións públicas, encontros cos medios ou actos sectoriais que buscan construír pontes de comunicación e diálogo coa cidadanía.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page