top of page

Compromiso por Lalín e o PSOE cuestionan a suposta ampliación da área deportivo do Lalín Arena

Ecos da Comarca/Lalín

Compromiso por Lalín e o PSOE deste municipio cuestionan a suposta ampliación da área deportivo do Lalín Arena e critican ao goberno popular de José Crespo.


Pola súa banda, o candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, afeoulle onte a Crespo e ao seu goberno que teñan “a pouca decencia política de seguir burlándose da xente” a conta da suposta ampliación da área deportiva do Lalín Arena. “É como o eterno retorno, prométeno en cada campaña electoral e incúmpreno sistematicamente en cada mandato: é unha tomadura de pelo constante á cidadanía e ao atletismo de Lalín cada catro anos”, di Cuiña.

O candidato incide en que o anuncio da aprobación inicial do plan especial para a zona pon en evidencia que, catro anos despois, “o PP ten os deberes sen facer”. Agora, “Crespo trata de salvar a cara cun trámite administrativo que non é máis que unha declaración de intencións e cuxa aprobación definitiva, no mellor dos casos, non chegará ata dentro de varios meses”.

De feito, Cuiña advirte de que “ao PP non lle importa demasiado se isto se aproba ou non”. “O único que pretenden”, afirma, “é utilizar de maneira espuria a Xunta de Goberno para realizar anuncios electoralistas, baleiros de contido e prohibidos pola lexislación unha vez xa están convocadas as municipais”. Compromiso valora denunciar estes feitos ante a Xunta Electoral.

Neste contexto de pre-campaña, ao PP “éntranlle as présas por intentar facer ver que fai algo cando, en realidade, non fixo nada durante este mandato para cumprir a súa repetida promesa dun novo complexo deportivo con pista de atletismo homologada: non hai terreos, nin proxecto, nin orzamento... absolutamente nada; so fume”, remarca Cuiña.

Por iso, ao candidato de CxL non lle sorprendería que Crespo volvese presentar nos próximos días unha infografía do proxecto, “non sabemos se acompañado do presidente da Federación Galega de Atletismo, como na anterior campaña”.


Fronte a isto, Cuiña deixa claro que os máis de 300 practicantes de atletismo en Lalín serán “unha prioridade absoluta para Compromiso por Lalín”, xa que o PP “leva lustros marxinándoos a base de promesas nunca cumpridas”. Sinala que, en datas recentes, “xa tivemos a oportunidade de expoñerlle a representantes do Club de Atletismo o noso proxecto, que é serio e definido, e que se vai complementar coas súas achegas en canto á emprazamento, oficinas ou material, ademais das características da pista”.

Por último, Cuiña contrapón a “inoperancia” de Crespo nesta cuestión co que sucede no Concello da Estrada. Alí si se apostou polo atletismo con fondos da Deputación de Pontevedra e si se está a executar o proxecto das novas pistas de atletismo.


Mentres, o PSOE de Lalín comprométese a levar a cabo o proxecto das pistas de atletismo en canto entre no Goberno. "Crespo non moveu un só dedo durante estes catro anos e só se dedicou a culpar aos propietarios, en lugar de asumir que non soubo facer unha boa xestión", puntualizan.

Dende o grupo socialista afirman que coa metade dos terreos que quere expropiar Crespo chega para facer as pistas, "por iso nós comprometémonos a facer a pista en 25.000 m², que son suficientes para todo o proxecto das postas, que é a necesidade que hai que cubrir prioritariamente". Ademais, recalcan que o obxectivo é chegar a un acordo que beneficie tamén aos propietarios e "negociar con eles e escoitalos, non seguir coa política de Crespo de non reunirse con eles".


"A publicación de hoxe (por onte) do alcalde non é mais que a confirmación do seu fracaso. Aproban un papel que non significa nada para disimular que incumpriron a súa promesa", conclúen.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page