top of page

Compromiso por Lalín construirá un moderno centro de pádel con cinco pistas homologadas

Ademais, recuperará a escola e o ránking comarcal


Ecos da Comarca/Lalín

O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, anuncia que o seu programa electoral incluirá a construción de cinco pistas de pádel homologadas para competición oficial a carón do Lalín Arena.

Deste xeito, CxL “rematará co exilio de máis dun cento de xogadores e xogadoras, que na actualidade vense obrigados a desprazarse diariamente ata Silleda para poder practicar o seu deporte”. “Estas instalacións”, afirma o candidato de Compromiso, “van posibilitar que Lalín volva a ser referencia en este deporte, coa recuperación do clube federado, da Escola de Pádel para todas as idades e a celebración do exitoso Ránking Comarcal, entre outras actividades”.

Cuiña explica que o pádel é un dos deportes que rexistra un maior crecemento a nivel mundial, tanto na construción de pistas, coma no número de clubes e xogadores federados. Os últimos cinco anos contabilizan un aumento do 181% de clubes federados en todo o mundo, con España a cabeza.

“Lalín non é alleo a esta ola”, di. De feito, “as dúas pistas do Lalín Arena, a pesares de estar en condicións lamentables, están saturadas”. A maiores, nas seis pistas que ten agora mesmo o Concello de Silleda e as catro de A Estrada “é tarefa case imposible conseguir unha reserva para poder xogar pola tarde/noite”. Porén, “Lalín está no vagón de cola con dúas pistas impracticables no Lalín Arena”.


Cuiña lembra que no ano 2014 naceu o primeiro clube federado de pádel nas comarcas de Deza e Tabeirós Montes. Daquela os partidos de liga xogábanse con tres parellas e somente era preciso ter dúas pistas. Pero en 2017 debido a que este deporte experimentou un crecemento extraordinario, a Federación incrementou ata cinco o número de parellas para a disputa dos partidos da Liga Galega, e tamén a obrigatoriedade de contar con alomenos tres pistas, para non eternizar os enfrontamentos.

Esta medida obrigou o único clube federado na comarca a “emigrar ata Silleda”, que ofrecía as instalación requiridas pola federación para poder competir. O clube mudou entón de nome e pasou a denominarse Deza Pádel e dende entón, os deportistas lalinenses “están obrigados a desprazarse ata Silleda para poder adestrar e competir na Liga Galega, e para xogar os torneos de verán, algo que non ten ningún sentido cando Lalín conta con este potencial”.

Actualmente o Deza padel conta con seis equipos federados. Dous en Segunda División (masculino e femenino); dous en Terceira (masculino e femenino); e dous en Cuarta masculinos. O número de licencias federativas nesta tempada 2023 supera o centenar.


Con todo, resalta Cuiña, “á marxe dos federados, hai unha marea de mulleres e homes que practican este deporte diariamente, organizando os seus partidos e incluso as súas propias ligas”. “É a toda a esa xente á que queremos darlle posibilidades de poder practicar o seu deporte no noso municipio”, di. Outro dato significativo é a grande demanda deste deporte que hai no Concello de A Estrada. Alí comezou o pádel federado máis recentemente, pero xa cunha instalación de catro pistas. Agora teñen cinco equipos federados e van a construír outras tres pistas para atender a crecente demanda.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page