Ecos da Comarca/Lalín
Compromiso por Lalín lamenta que o alcalde do municipio, José Crespo, "siga instalado na súa “fuxida cara adiante” e nas súas “manobras de escapismo” ante as queixas e demandas que lle está a trasladar a xente nas súas reunións polo rural". Así o din José Manuel Fernández e Uxía Ferradás ao fío da xuntanza na Xesta, onde esta semana “o actual rexedor foi incapaz de dar resposta ás reclamacións da veciñanza polos seus incumprimentos”.

“O actual alcalde non foi quen de levar a cabo nin un só dos compromisos que aparecían no seu programa electoral para este mandato”, denuncian, “aínda que, polo menos, tivo a decencia de recoñecer que `o do libro xa non valía´, para sorpresa dos presentes”. Con todo, “o máis grave é que Crespo xa non amosa o máis mínimo reparo á hora de darlles malas contestacións a algunhas das persoas que lle trasladan as súas demandas ou admitir abertamente e en público que `non se van facer´ as cousas que prometeu”.
Así sucedeu, por exemplo, coa demanda veciñal para buscar unha solución ás inundacións na zona da ponte de Pontenoufe e que deixan incomunicados aos veciños do lugar. “Non hai nada que facer”, foi a única resposta que escoitaron por parte dun alcalde que “tampouco tivo rubor en culpar a unha empresa de que aínda non se fixera a mellora da pista entre A Xesta e Botos” e que “botou balóns fóra” ante a falta de melloras no local social ou no parque infantil.
Tampouco se vai facer, como recoñeceu Crespo, unha praza e aparcadoiro na parcela a carón da igrexa ou adíanse os saneamentos nos lugares de Pazo, Fervenza, Vila e Pontenoufe.
Fernández e Ferradás ironizan con que “o gran avance do goberno nesta materia limítase á simple colocación dun cartel de Aquadeza no local social anunciando unha obra de saneamento na parroquia, pero non para eses lugares”. Sinalan que “resulta cando menos curioso que ese cartel aparecese xusto antes da reunión”, noutro exemplo de “uso deturpado dos recursos públicos con fins electoralistas”.
Consideran tamén que “clara mostra de que estas reunións están a ser mitins do Partido Popular” é o feito de que, ante os incumprimentos e ausencia de iniciativas para A Xesta, o candidato do PP dedicou boa parte da súa intervención a falar de proxectos como o CIS ou a praza de Abastos. E iso “ante a estrañeza da veciñanza, que pensaba que estaba convocada para falar das moitas cuestións pendentes na parroquia”.
En definitiva, “o alcalde veu aquí a intentarnos vender unha moto, e para máis nin sequera se esforzou en intentar vendela ben”, conclúen.
Comments