Compostela acollerá o X Encontro Nacional sobre Abuso Psicolóxico e Seitas
- ecosdacomarca
- 26 feb
- 2 Min. de lectura
Busca promover o coñecemento sobre estas dinámicas abusivas, poder sensibilizar e crear un lugar de encontro, intercambio e diálogo
Ecos da Comarca/Xeral
Entre o 28 de febreiro e o 1 de marzo, terá lugar o X Encontro Nacional para Profesionais, Familiares e Ex membros de Seitas na Escola Galega de Administración Pública de Santiago de Compostela. Este encontro busca promover o coñecemento sobre estas dinámicas abusivas, poder sensibilizar e crear un lugar de encontro, intercambio e diálogo. Esta iniciativa lévaa a cabo a Asociación Iberoamericana para la Investigación del Abuso Psicológico (AIIAP), xunto co apoio do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, EducaSectas e o Grupo de Traballo en Derivas Sectarias do Colexio Oficial de Psicoloxía de Cataluña (COPC).

«A nosa tarefa non é perseguir crenzas ou propostas alternativas: é alertar do dano e advertir sobre o risco das seitas». Miguel Perlado, fundador da AIIAP, centra esta décima edición na prevención, a avaliación e a análise do discurso das seitas. Para iso, ao longo deses días, reuniranse diferentes profesionais do ámbito da psicoloxía, xunto contras profesións como a psiquiatría, o xornalismo ou a avogacía, así como persoas directamente afectadas, que reflexionarán tanto das consecuencias de vivir en contextos sectarios como das ferramentas de avaliación do abuso psicolóxico nestes grupos.
A inauguración contará con Dolores Seijo en representación do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia xunto con Miguel Perlado Miguel Perlado, psicólogo clínico e forense, fundador da AIIAP e impulsor dos Encontros Nacionais sobre Seitas; e Íñigo Rubio, psiquiatra e Presidente da AIIAP. A continuación, desenvolveranse as mesas de relatorios, onde se tratarán cuestións como as consideracións xurídicas e psicolóxicas acerca dos miguelianos, ou as malas prácticas terapéuticas.
Na xornada do sábado 1 de marzo será a quenda das ponencias, na que se abordarán os retos na cobertura informativa sobre grupos coercitivos, como axudar ás vítimas desde as propias familias, entre outros temas. Estes encontros están abertos tanto a profesionais como á cidadanía en xeral, nunha contorna na que se procura fomentar o pensamento arredor destas dinámicas abusivas.
Máis info: https://www.aiiap.org/encuentros-nacionales/
Comments