top of page

"Como mo preguntan tanto decidín contalos e son 50 os países ós que viaxei, o último Costa Rica"

"O que máis me impresionou aquí foi ver un puma, estar a uns metros del, e seguilo entre a vexetación e ademais atopei varias serpes terciopelo de noite, a máis venenosa do país e a séptima máis venenosa do mundo"

O agoladés David Busto Ramos durante a súa viaxe en Costa Rica.

ENTREVISTA AO AGOLADÉS DAVID BUSTO RAMOS


Laura Moure/Agolada

Din que viaxar é engadir vida á vida. E sen dúbida, coñecer novos lugares e novas culturas enriquecen e convértense neses momentos que nunca esqueces. Hoxe conversamos co agoladés David Busto Ramos, que xa estivo en 50 países, aínda que non lle gusta presumir para nada disto. Sen ir máis lonxe o pasado Nadal estivo en Costa Rica e hoxe cóntanos todos os segredos e aventuras desta viaxe e da súa traxectoria coñecendo o mundo.


1. Adoitas viaxar moito?

Si, viaxo todo o verán, no Nadal, no Entroido, en Semana Santa e cando hai pontes. Tamén durante algunhas fins de semana cando hai algún evento especial en España ou Portugal. Aproveito todo o que podo! Adoito ir do traballo directo ó aeroporto e volvo o último día de vacacións pola noite para aproveitar o tempo ó máximo, sempre e cando haxa voos a esas horas. Aínda que todo foi progresivo. Cando comecei a viaxar só ía no verán e despois fun engadindo máis datas a medida que ía aumentando os ingresos e reducindo gastos. Moitas veces non podía ir por falta de diñeiro ou por ter que traballar ou estudar, pero pouco a pouco fun conseguindo o que me propoñía.


2. A cantos e a cales países viaxaches?

Pois como me pregunta tanta xente, un día decidín contalos, e o último, Costa Rica, foi o número 50. Pero para min non deixa de ser unha anécdota. A min dame igual o número de países que visite. Eu o que quero é recorrer e explorar a fondo os que máis me gustan, o "problema" é que son moitos (risas). Agora está moi de moda, polo que vexo nas redes, pasar a correr polos países ou só polas capitais un par de días con tal de presumir de haber estado en máis países. Eu prefiro viaxar a menos e velos ben ou volver varias veces a un que me gusta, antes ca ir saltando dun ao outro sen ver case nada, só por engordar unha cifra e presumir diso. Respétoo, pero non o comparto.


3. O último, hai uns días, foi Costa Rica. Por que este destino? Non sei se estiveras máis veces alí.

Non estivera antes. E elixín este destino porque é dos meus países favoritos: un exemplo a nivel mundial de preservación da flora e a fauna, praias paradisíacas, volcáns, deportes de aventura, podes pasar do Caribe ó Pacífico nunhas horas... É un dos países con maior biodiversidade do mundo. Non fun antes porque é un país caro e fun viaxando a outros destinos máis económicos, pero este ano era dos poucos que estaban abertos sen restriccións e aínda que me saíu caro, valeu moito a pena.


4. Canto tempo estiveches?

Pois estiven 17 días enteiros viaxando. E outros dous voando (ida e volta). Este foi o ano que máis días tiven de vacacións no Nadal e quería aproveitalos ben. Aínda así quedóuseme corto, porque hai moito que ver e facer neste país, sobre todo para os que nos gusta facer de todo. O ideal sería un mes, pero un mes seguido só podo viaxar no verán europeo, e nese momento en Costa Rica é época de chuvias, polo que a mellor época dentro das miñas vacacións era o Nadal. E como teño pensado volver a Centroamérica máis veces, pois xa volverei a este país máis adiante.


5. Viaxaches só?

Viaxei só, aínda que podía viaxar en grupo ou cunha amiga, pero decidín ir só porque quería aproveitar ben todos os días e ir ó meu ritmo. Pero coñecín xente e compartín rutas, comidas, ceas,... case todos os días. Xente de España, USA, Canadá, México, Costa Rica, Francia, Alemania, Reino Unido, Suiza, Brasil, etc


6. Que é o que máis e o que menos che gustou deste país?

O que máis me gustou a natureza, paisaxes, a gran variedade de animais, as praias, a amabilidade da xente, o clima, a comida,... case todo. O que menos me gustou para ser Latinoamérica é un país moi caro. As estradas/pistas están fatal, de feito case todo o mundo aluga 4x4, pero eu aluguei un coche normal porque o 4x4 saíame moi caro, e en moitas estradas/pistas foi unha odisea. Non sei como non pinchei nin destrocei os baixos do coche! Conducín en países moito máis pobres e as estradas estaban bastante mellor. Outra cousa que non me gustou é que te atopas xente que te quere estafar ou cobrar por todo. Hai pouca liberdade nese sentido, todo está regulado para sacar cartos ós turistas/viaxeiros.


7. Como foron as camiñatas pola selva e que foi o que máis che sorprendeu?

Pois camiñatas pola selva fixen moitas de día xa que visitei moitos parques nacionais e fixen tres camiñatas pola noite. Os parques nacionais que máis me gustaron foron Tortuguero e Corcovado, de feito National Geographic declarou este parque como a reserva natural con máis biodiversidade do mundo (aquí podes atopar un 3% de toda a biodiversidade do planeta). Aínda que viaxei a moitos destinos de natureza, este foi sen dúbida onde vin maior cantidade e variedade de animais (e os que me quedaron sen ver). O que máis me impresionou foi atopar un puma, estar a uns metros del e seguilo entre a vexetación. Nunca pensei que atoparía un puma, pantera ou jaguar xa que é extremadamente difícil atopalos. Vin pisadas aquí e noutras selvas e países, pero poder atoparme con el e ver como pasa diante miña a uns metros foi increíble! Outra experiencia impactante foi camiñar de noite por un río pequeno con botas de auga e ir atopando nas beiras varias serpes terciopelo, a máis venenosa do país e a séptima máis venenosa do mundo. Ir camiñando na oscuridade absoluta cun guía local, os dous sos, con dúas linternas e ir atopando estas serpes e unha vez que saímos do regato íamos por un camiño estreito rozando follas grandes cos brazos e enriba delas atopabas escorpións, arañas grandes, ras venenosas,... Foi a única camiñata na que non me sentín moi cómodo. Xa fixera outras camiñatas nocturnas pero ías por un camiño de terra ancho, con máis xente, polo tanto máis linternas e os animais estaban máis apartados metidos na vexetación. Tamén me chamou a atención o fácil que é cruzarte con fauna sen ir a buscala. Os días que fun en lancha visitar o parque de Corcovado, xa atopamos baleas xorobadas de camiño, así sen contar. Cerca de Corcovado hai unha illa chamada isla del Caño. O día que fun bucear a ela, de camiño xa atopamos un grupo de cinco baleas nadando xuntas e puidemos observalas moito tempo. Aínda que xa vira este tipo de balea en Islandia e incluso, nadei con elas en Reunión (illa francesa cerca de Madagascar), aquí o que me impresionou foi ver ás cinco xuntas e poder observalas tanto tempo, xa que noutros países podía velas de forma individual e desaparecían rápido. Outra cousa que me impresionou moito, xa buceando na isla del Caño, foi ver tantas tartarugas mariñas e ver grupos delas varias veces. Buceei con estas tartarugas noutros países, pero atopábaas soas ou como moito dúas xuntas. Pero aquí atopei grupos de catro xuntas. Outra cousa que me fixo moita ilusión foi ver tucáns grandes. En Costa Rica hai seis especies, pero só dúas especies son grandes. E especies pequenas xa vira en México. Pois en Tortuguero vin oito tucáns dos grandes, das dúas especies, e outros dous no volcán Arenal. Tamén me sorprendeu a facilidade de atopar serpes venenosas. Vin oito serpes e seis eran moi venenosas, tanto que se te morden, en media hora estás morto se non che poñen o antídoto. Hai unha víbora chamada Bocaracá, vin catro de distintas cores, incluída a amarela que é moi famosa, unha en Tortuguero e tres preto do volcán Arenal. Tamén vin unha lora verde de noite no bosque nuboso de Monteverde e varias terciopelo de noite en Corcovado.

Poderíache falar durante horas de todos os animais que vin, pero mellor fago unha lista dos que me acordan: as dúas especies grandes de tucán, as dúas especies de perezosos, tres tipos de ras vermellas venenosas, as catro especies de monos que hai no país, tres caimáns, 14 cocodrilos, a famosa ra de ollos vermellos, tanto a do Caribe como a do Pacífico, o zorro pelón (unha zarigüella), coatíes, iguanas e lagartos de todo tipo, un puma, colibríes, halcóns, aguias, buitres, papagaios, loros, ibis, pavos salvaxes e moitas máis aves que non lembro os nomes, seis serpes venenosas e dúas grandes non venenosas, unha verde e outra negra, escorpións, arañas, a ra pigmea, a ra toro (a máis grande de Centroamérica), a ra de vidrio, unha familia de pecaríes que son como xabaríns, dous tapires que son os mamíferos máis grandes da selva de Centroamérica, seis baleas xorobabas, 10 tartarugas buceando, moitísimos peixes de todos os tamaños e cores, dúas raias e unha paca (que é como un xabarín pequeno), e algúns máis que xa non lembro.


8. Pasaches as datas navideñas alá. Supoño que foi un Nadal moi diferente. Non sei se tes pasado máis veces estes días tan sinalados viaxando?

Si pasei todo o Nadal alá. Marchei o 21 de decembro pola tarde e volvín o 9 de xaneiro pola noite. Pero estou acostumado. Levo dende o 2013 viaxando no Nadal. A min gústame moito pasar o Nadal na casa e o verán en Galicia, pero levo anos marchando de viaxe porque é cando teño vacacións. Por min viaxaría en maio, xuño, setembro ou outubro, pero neses meses teño que traballar. Hai xente ignorante que pensa que non me gusta estar coa familia e os amigos nesas datas tan sinaladas, pero é todo o contrario. Sempre digo que para viaxar moito hai que facer moitos sacrificios e este é un deles. Ademais, o meu cumpreanos é o día de Noiteboa, así que imaxínate... Pero o mundo é moi grande e o tempo pasa voando, así que non me queda outra. Ademais, eu vexo á miña familia case todas as fins de semana, así que non é o mesmo ca xente que vive e traballa fóra e volve á casa polo Nadal. E este ano volvín para a miña casa, así que xa vexo á miña familia todos os días, polo que marchar no Nadal non é para tanto. E máis hoxe en día, que con internet e cos móbiles modernos podes facer videochamadas e estar en contacto todos os días.


9. Como foi viaxar en plena pandemia e que requisitos che pediron? Porque vin que México e Costa Rica reciben a turistas sen PCR, vacinas ou cuarentena.

Pois viaxar en pandemia é bastante sinxelo, sempre e cando non che cancelen voos a última hora ou cambien os requisitos de entrada. Basicamente levar os papeis que piden ou test feito e a máscara e listo. En México e Costa Rica si que hai requisitos, pero é máis fácil entrar ca noutros países. Basicamente, pídenche cumprir un dos tres requisitos seguintes: presentar certificado de vacinación ou certificado de haber superado a Covid ou unha PCR ou test negativo. Hai tres tipos de países para viaxar en pandemia: os que están abertos e piden uns requisitos mínimos, os que che permiten a entrada pero con requisitos máis esixentes e os que seguen pechados. Persoalmente, a maioría dos países ós que quería ir nestes dous anos estiveron pechados e seguen pechados, ou hai demasiadas restriccións, pero fun organizando viaxes alternativos.


10. Como se está vivindo alí esta enfermidade?

A vida en todos os países que visitei durante a pandemia é bastante máis normal ca en España ou Portugal. Aquí a xente é moito máis prudente e as restriccións máis duras, falando en xeral. Por poñer un exemplo, en outubro estiven en Suecia e ninguén levaba máscara, en ningún sitio. O metro ía cheo e todo o mundo sen a máscara. De feito, eu levábaa posta e moita xente quedábase mirándome con cara rara. E noutros países, aínda que fose obrigatoria, a xente pasaba bastante.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page