top of page
Foto del escritorLaura Moure

"Comezou a pegarme aos tres meses de relación e conseguía que non parecese violencia de xénero"

"O maltrato psicolóxico dábaselle moi ben. Era capaz de darlle a volta a todo para que me sentise culpable do golpe e cada vez pertencíalle máis e el e menos a min mesma"

Laura Moure/Xeral

Hoxe, 25 de novembro, conmemórase o Día da Eliminación da Violencia Contra a Muller porque por desgraza, esta lacra continúa matando a moitas mulleres en todo o mundo. Hoxe falamos cunha destas vítimas que reside nunha das catro comarcas. Ela é toda unha valente, que colleu forzas para dicir basta e decidiu denunciar. Por suposto, que esta decisión foi un proceso lento e tampouco foi fácil, pero gracias a iso escapou dese inferno. Decidimos que sexa unha entrevista anónima, aínda que cremos que as vítimas non se teñen porque esconder, pero neste caso aínda están á espera de xuízo, polo que hai que respectar a presunción de inocencia. Pero cabe recalcar que ela estaba disposta a dar a cara, para incidir en que esta non é unha historia inventada, é real e seguramente, moi moi parecida a de todas as que están pasando polo mesmo.


1. Como definirías a túa parella nos inicios da relación?

Nos inicios da relación era unha persoa cariñosa e detallista, todo o contrario ao que era na realidade. De feito, podo dicir que nunca coñecín a ninguén que tivese tanta facilidade para a mentira e o engano.


2. Cando comezaches a notar cambios nel?

Realmente unha vez que conseguín saír dese inferno, deime conta que nunca cambiara, posto que xa era así dende o comezo. Porque non comezou cun golpe, senón que empezou a facer para que non quedase coas miñas amizades de toda a vida, molestándolle a miña forma de vestir, enfadándose por se alguén me comentaba algunha foto en redes, etc


3. Eras consciente de que estabas ante alguén violento ou intentabas facer como que

non pasaba nada, sacándolle importancia?

Ao principio non me imaxinaba que puidera ser unha persoa violenta, xa que el culpaba a outras persoas por certos comportamentos: o seu pasado de criarse nun ambiente familiar no que viu como o pai maltrataba a nai, por presentar o pai problemas coa bebida... Logo cando empezaron os golpes pedíame desculpas e dicíame que nunca tivera cariño de ninguén ata conseguir darme pena e perdoalo por iso.


4. Como era o maltrato psicolóxico?

O maltrato psicolóxico dábaselle moi ben xa que era capaz de darlle a volta a todo como para que eu me sentise culpable do golpe que recibira, incluso chegando ao punto de facelo tan ben que eu cada vez pertencíalle máis e el e menos a min mesma. Co maltrato psicolóxico que recibín fixo que me sentira como que a miña vida non tiña valor ningún e pretendía facerme ver que el era a miña salvación.


5. Cando chegou o maltrato físico?

Chegou sen contar cando levabamos tres meses de relación. Ao principio tirábame ao chan, zarandeábame e intentaba darme golpes que a simple vista parecían dunha simple colisión cun obxecto, xa que tiña todo estudado de onde podía golpear para que non fixese sangue e non se asociase á violencia de xénero.


6. Prohibiuche saír a rúa, ver a familiares ou amigos ou obrigoute dalgunha maneira a

mudar a túa forma de vestir?

Si, non podía quedar coas miñas amizades masculinas nin sequera falar con elas por mensaxe, senón xa sabía que me ía tocar unha paliza. Ao principio só o facía cos homes, pero logo tamén lle molestaba que quedase coas miñas amigas chegándome a falar mal delas para que non fose, como que eran mala influencia para min. En canto a forma de vestir tamén a tiña que cambiar, posto que dicía que me miraban e que lle molestaba.


7. Pedíache perdón tras facerche dano?

Sempre. Cada vez que me daba unha paliza facíase a vítima e incluso en moitas das ocasións amenazaba con quitarse a vida se o deixaba. Máis tarde xa comezou a amenazarme con facerlle dano os meus seres queridos e matarme a min despois de presenciar iso.


8. E a ti que che pasaba pola cabeza?

Ao principio conseguía facerme sentir culpable do que pasaba, de que algún comportamento meu desataba esa ira. Co paso do tempo e vendo que as palizas cada vez eran máis seguidas e máis duras tiña medo, pero non sabía como escapar sen que puidera danar aos meus seres queridos, chegando a plantearme que se me sacaba a vida todo ese inferno acabaría, pero teño unha nena e por ela sacaba as forzas para aguantar iso e máis porque ela tiña que medrar coa súa mamá.


9. Como viviu ela a situación?

Teño que dar grazas de que ela solo vía a mamá con moratóns e eu dicíalle que caera, pero ela nunca presenciou nada. Teño unha nena marabillosa que foi a que me deu forza para aguantar este inferno.


10. Cando foi o momento e en que dixeches basta e canto tempo tardaches en abrir os

ollos?

O momento xa facía moito tempo que o vía e que abrira os ollos, pero recibía ameazas con coitelos no pescozo, nas venas, con armas que tiñan na casa ilegais e as cales me ten posto na fronte e non sabía como escapar dese inferno. A miña salvación foi o día de Noiteboa, cando despois de darme unha paliza diante de seu pai, como en outras ocasións e intentar asfixiarme, sacoume dos pelos do meu coche e meteuse el dentro e esmagoumo a propósito contra unha vivenda. Ese momento foi tan horrible que saquei a forza de non sei de onde e chamei a un Gardia Civil que é intimo amigo do pai del, pedíndolle axuda e foi cando me dixo que tiña que denuncialo e foi cando me vin no momento de saír de aí. Por desgraza, a pesar de ser considerado de alto risco, con orde de afastamento de 500 metros el está en liberdade e aínda estamos a espera de xuízo tras case un ano dende a denuncia.


11. Como te atopas agora?

Agora estou en proceso de recuperación, con moita axuda e sen perder o medo a que poida aparecer en calquera momento e acabar coa miña vida como intentou facer en moitas ocasións. Rematou todo o día 24 de decembro de 2020, pero nunca se olvida o inferno vivido. Estou aprendendo a vivir con esa etapa na miña vida sen deixar que me impida desfrutar na medida do posible da miña familia e amig@s.


12. Que consello lle darías a unha muller que esté pasando agora mesmo pola mesmo pesadelo?

É moi complicado porque sei o díficil que é a situación e poñer a denuncia porque na sociedade que vivimos aínda se xustifica un golpe; cando NADA NIN NADIE ten dereito a pegarlle a outra persoa sexa como sexa. Así que o único que podería dicirlle é que sexan fortes e que ao minimo síntoma de prohibición ou de maltrato psicolóxico que vexan que marchen porque a violencia de xénero non comeza cun golpe senón empeza facendo sentirte que non serves para nada. E ás que teñan medo que non dubiden en denunciar, que hai moitas persoas dispostas a axudarnos e que por moitas desculpas que nos pidan cada vez vai ir a peor e ao final acaban por arrebatarnos a vida.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page