
Comezan as obras do mosteiro de San Pedro de Vilanova, en Dozón cun prazo de execución de oito meses
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade adxudicou os traballos á empresa
Construcciones Mascareñas e Hijos por un importe de 231.110 euros
Laura Moure/Dozón
A empresa Construcciones Mascareñas e Hijos vén de iniciar as obras de conservación e restauración da igrexa do mosteiro de San Pedro de Vilanova, adxudicadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade por 231.110 euros e que teñen un prazo de execución de oito meses.

Os traballos de conservación exterior teñen como finalidade evitar un deterioro progresivo das fachadas e a estrutura da igrexa, corrixindo as fendas e fisuras causadas polas inclemencias climatolóxicas e a colonización biolóxica. Para iso, a intervención prevista, que será supervisada por expertos en restauración, incluirá a limpeza das fachadas e a eliminación de vexetación, a reparación dos elementos de carpintaría danados e o arranxo de problemas puntuais na cuberta.
A actuación tamén comprenderá melloras na pavimentación do adro, onde se substituirán as canalizacións e drenaxes para garantir unha correcta evacuación das augas pluviais en toda a contorna da igrexa. Ademais, tamén se reconstruirá parte do muro de peche que está derruído.
Por outra banda, aínda que nesta fase de conservación non está previsto actuar no interior da igrexa, o proxecto aprobado pola Consellería de Cultura inclúe unha intervención preventiva orientada a garantizar a estabilidade do retablo. O alcalde, Adolfo Campos Vázquez, salienta que este ben inmoble, fundado como mosteiro de relixiosas benedictinas en 1154 pola señora feudal Guntroda Suárez cando xa estaba viúva de Pelayo Martínez, é un ben incluído no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia e declarado Monumento Histórico Artístico, polo que constitúe “un dos principais atractivos culturais e turísticos de Dozón. Agardamos que esta restauración impulsada pola Consellería de Cultura sirva non só para garantir a súa conservación arquitectónica, se non tamén para espertar máis interese por visitalo”, manifestou.