top of page

Comezan as obras de mellora e humanización da rúa Progreso en Silleda

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Nos vindeiros días iniciaránse tamén as obras do párking público, pendentes só do permiso para a retirada de residuos


Laura Moure/Silleda

Este luns arrancaron os traballos do proxecto denominado Mellora da Mobilidade Peonil na rúa Progreso, unha das actuacións máis destacadas desta lexislatura no municipio de Silleda. A empresa adxudicataria dos traballos, Narom S.L., vén de iniciar a colocación de vallas para o inicio dos traballos, no tramo comprendido entre a praza Siñor Afranio e a rúa Condes do Deza, tramo este último donde están xa en avanzado estado as obras da segunda fase da Rede de Calor con Biomasa.


Dende o goberno municipal xa se celebrou en días pasados unha reunión do director de obra e a dirección de empresa para establecer cuestións relacionadas cos traballos, cofinanciados polo Instituto para a Diversificación e Aforro Enerxético (IDAE), e cun investimento de máis de 600.000 euros. As actuacións propostas están recollidas no Plan de Mobilidade Urbana Sostible do Concello de Silleda, coa creación de beirarrúas máis amplas, creando un tramo totalmente accesible, e no que as persoas teñan máis protagonismo.


O proxecto non só busca mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria senón tamén crear espazos de calidade ambiental nunha rúa que é indiscutiblemente o corazón da capital municipal de Silleda. Parte da superficie de estacionamento vaise a peatonalizar con esta reforma, ca que se propón un modelo de plataforma única eliminando ademais as barreiras arquitectónicas existentes.


A velocidade redúcese en todo o tramo a 30 quilómetros por hora e en canto á reordenación do tráfico, o proxecto só elimina o dobre sentido de circulación nun pequeno tramo (entre a rúa Condes do Deza e a rúa Outeiro). Ademais, tamén se peonaliza a praza Siñor Afranio, eliminando a conexión da rúa Cartaxena ca Progreso, e conectando a Cartaxena ca rúa Antón Alonso Ríos.


Esta actuación suporá ademais a renovación de todo o mobiliario urbano, contando tamén con máis luminarias, que pasan de 37 a 66 unidades, con maior eficiencia enerxética Colocaránse tamén 38 árbores, repartidas entre a rúa e a praza Siñor Afranio, papeleiras e bancos novos, que no caso dos situados na praza serán desmontables para a celebración de eventos ou concertos.


As áreas dos colectores de lixo (catro en total) irán resgardadas con paneis de madeira para minimizar o impacto visual. "En definitiva, trátase dunha actuación de posta en valor, de revalorización desta céntrica rúa, mellorando non só a súa estética senon tamén a súa funcionalidade”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.


Novo aparcamento

Por outra banda, nos vindeiros días iniciaránse as obras de acondicionamento do novo aparcamento público que se ubicará no solar cedido pola familia propietaria dunha antiga nave do sector da construción ubicada entre a rúa Progreso, Morón e Condes do Deza, cunha ampla capacidade para acoller vehículos.


As obras de acondicionamento deste párking público e gratuíto están só pendentes dos permisos medioambientais para a xestión de residuos (dado que é necesario retitar uralitas, entre outros). Estímase que comezarán nos vindeiros días.


Con esta dotación aumentarase a capacidade de estacionamento nun tramo no que se instalará unha vez rematadas as obras a zona azul, como sistema rotatorio de estacionamento para as persoas usuarias.





0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page