Destínanse 50.000 euros á montaxe dunha nova cuberta principal e á prolongación da cuberta do patio para que cubra a entrada principal do centro
Laura Moure/Lalín
As obras de mellora na escola infantil pública autonómica do Pontiñas (Lalín) anunciadas para este verán pola Xunta de Galicia xa están en marcha e prevese que rematen no prazo establecido, antes do inicio do curso escolar. A intervención consiste na montaxe dunha nova cuberta principal e na prolongación da cuberta do patio para que cubra a entrada principal á escola.Tamén se están a instalar novas baixantes exteriores para evitar posibles filtracións de auga ao interior do edificio e se repararán humidades interiores.
![](https://static.wixstatic.com/media/0216be_62fce767ae0349d39670440b94cdbdda~mv2.png/v1/fill/w_776,h_514,al_c,q_90,enc_auto/0216be_62fce767ae0349d39670440b94cdbdda~mv2.png)
A Xunta, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, financia esta actuación con preto de 50.000 euros mediante a compensación do importe das liquidacións que ten que pagar a Administración local por este servizo. A execución dos traballos corre a cargo do Concello de Lalín e estanse a levar a cabo durante o mes de agosto, aproveitando que o centro non ten actividade por vacacións.
A escola infantil das Pontiñas iniciará o vindeiro curso 2023-2024 con 65 nenos matriculados e o outro centro que ten o Consorcio neste municipio, o situado no polígono, retomará a súa actividade en setembro con outros 53 nenos. As familias seguirán sen pagar nada pola atención educativa dos seus fillos, posto que a Xunta mantén a gratuidade en todas as escolas de 0 a 3 anos da Comunidade Autónoma e para o 100% do alumnado.
Publicidade
Actuacións nas escolas infantís O Executivo autonómico xa financiou en anos anteriores melloras en ambas escolas infantís públicas autonómicas emprazadas na localidade. En 2019, ampliouse o centro das Pontiñas ao pasar de catro a cinco unidades; e no 2020 levouse a cabo a reforma integral da cociña, o que permitiu incrementar a súa superficie e o número de prazas de comedor; así como habilitar un novo espazo para almacén e renovar o equipamento deste servizo. Estas dúas actuacións tiveron un custe de 88.000 euros.
Con respecto á escola do Polígono Lalín 2000, no curso 2021-22 financiáronse obras de melloras por un montante de 36.000 euros. Estes traballos afectaron a elementos internos e externos do inmoble, como a porta de acceso, ventás e peches de seguridade infantil. Tamén incluíron a soleira de formigón ou a pavimentación dunha rampla de acceso con caucho, entre outras intervencións.
Comments