O goberno municipal dá así continuidade á posta en valor do tramo urbano do Camiño Francés, mediante un investimento aproximado de 300.000 euros
Laura Moure/Arzúa
Onte deron comezo en Arzúa as obras de reurbanización da rúa do Carme, que darán continuidade á posta en valor do tramo urbano da Ruta Xacobea – que se iniciou na rúa Cima do Lugar- e que agora se executarán ao longo de tres tramos desta histórica e
céntrica rúa. A intervención – proxectada para mellorar a seguridade, a accesibilidade, e o estado de conservación do vial- materializarase nun tramo de 60 metros que abarca dende a intersección da rúa das Dores ata o cruce coa rúa Xosé Neira Vilas.

Un segundo tramo obxeto de intervención, de 110 metros, extenderase dende esa última rúa e ata o cruce coa rúa do Caño. O último dos tramos previstos e, no que se iniciaron as actuacións onte mesmo, prolóngase ao longo de 90 metros dende a intersección da rúa do Caño.
"A humanización da rúa do Carme responde a un compromiso en firme do goberno municipal encabezado polo alcalde independente José Luis García López e a concelleira de Obras Municipal, a socialista Begoña Balado, de cara a posta en valor da zona antiga do casco urbano, obxeto de importantes intervencións nos últimos anos", sinala o Concello.
O proxecto de reurbanización permitirá, no seu conxunto, “gañar en comodidade e seguridade para os peóns, ademais de renovar a súa imaxe”, sinalan dende o goberno bipartito, que destacan ademais “a importancia desta actuación que imprimirá unha estampa máis vistosa a unha das zonas máis fermosas da nosa vila e tamén un dos lugares máis concurrido ao ser paso obrigado para os peregrinos que percorren o Camiño de Santiago”. Na súa renovación, explica, seguirase o mesmo criterio técnico empregado na rúa Cima do Lugar, unha das máis vistosas do casco antigo e que se concreta en beirarrúas con lousas de granitos, inexistencia de resaltos, viarios con formigón desactivado e unha completa renovación de todos os servizos xunto coa colocación do correspondente mobiliario urbano.
A empresa Construciones M. Espiño será a encargada de materializar a actuación que ten un custe aproximado de 300.000 euros. Para facer posible a intervención e dado que esta rúa coincide cun tramo urbano do Camiño de Santiago, ofrecerase unha ruta alternativa ao peregrinos que será debidamente sinalizada e garantirá a seguridade de todos os viandantes.
Comments