top of page

Comezan as actuacións que permitirán o saneamento na parroquia da Castañeda, en Arzúa

O proxecto conta cun orzamento de 225.630 euros


Laura Moure/Arzúa

Este martes comezaron na parroquia de A Castañeda, en Arzúa, as obras que permitirán que os núcleos de A Fraga Alta e Río conten cun dos servizos máis necesarios e non menos agardado polos veciños e veciñas do lugar, o saneamento das augas residuais e a instalación da correspondente depuradora.

Foto de arquivo.

"Para o goberno municipal de Alternativa por Arzúa e PSdG-PSOE non foi doado chegar a facer realidade unha actuación que os veciños levaban tempo demandando e que conlevou un longo proceso de tramitación administrativa. A complicación non estaba só en conseguir o financiamento que require unha actuación deste calado, que tamén, senón que, neste caso particular, a canalización ata a depuradora vai discurrir, nun tramo importante, por propiedades privadas o que ralentizou de xeito notable todo o procedemento", explican dende o goberno municipal, que preside o alcalde José Luis García. Ademais sinala que “houbo que facer escritos notariais de cada unha das parcelas polas que transcorre a canalización e en moitos casos, como adoita ser habitual no noso país, existían procedementos derivados de herdanzas complexas ou documentos que foi preciso recuperar”.


A actuación permitirá dar servizo a dous dos núcleos máis importantes da parroquia da Castañeda, o lugar de Río e o de Fraga Alta, por eles transcorre o Camiño Francés, unhas das principais rutas de peregrinaxe a Compostela.


O proxecto, que conta cun orzamento de 225.630 euros, dá continuidade á rede de saneamento municipal, coa canalización que transcorre de Fonte da Prata ata o lugar de Río pola estrada existente mediante unha nova canalización e posterior pavimentación. Dende o lugar de Río e ata a zona na que se vai instalar a depuradora, a canalización transcurrirá por propiedades privadas ao longo do río nunha lonxitude de 1.450 metros. A

depuradora instalarase nunha finca adquirida polo concello de Arzúa no ano 2020, nunha porción de terreo de 600 metros cadrados.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

A empresa encargada

A empresa encargada da execución das actuacións é Construccións González e González, S.L., que dispón dun prazo de seis meses para a realización dos traballos de construcción da nova canalización e da instalación da nova estación depuradora de augas residuais, apta para depurar unha carga contaminante correspondente a 200 habitantes.


O alcalde manifesta a súa enorme satisfacción por poder “dar cumprimento a unha promesa do noso goberno cos veciños desta parroquia, que pacientemente agardaron por un servizo tan necesario como difícil de facer realidade”. Explicou, ademais, que “esta actuación é un claro exemplo do custoso que actualmente resulta tramitar este tipo de actuacións, non só pola dificultade da obra en si senón polo complexo procedemento administrativo que conleva e que, neste caso concreto, foi en numerosas ocasións aproveitado polo grupo político do BNG de Arzúa para crear crispación entre os veciños”.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page