Poderán recollerse dende hoxe, martes, nas oficinas municipais da rúa Alfonso Trabazo e tamén nos comercios desta céntrica zona
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda comezará a repartir hoxe, martes, os discos para estacionar na Zona Azul creada na rúa Progreso. Toda a veciñanza terá á súa disposición de xeito gratuíto estes dispositivos nas oficinas municipais de Urbanismo, sitas na rúa Alfonso Trabazo. O Concello de Silleda tamén repartirá na xornada de hoxe discos a todos os establecementos comerciais e hostaleiros desta rúa, para que os distribúan entre a súa clientela.

Con este sistema búscase habilitar unha zona rotatoria de aparcamento, de luns a venres, con hora e media como máximo. Este sistema de estacionamento regulado aplicarase de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas e os sábado de 9:00 a 14:00. O uso do disco, colocándoo nunha zona visible, será obrigatorio. Os sábados pola tarde, domingos e festivos, o estacionamento neste tramo será libre.
A zona de aparcamento regulado exténdese dende a rúa da Estación, diante do edificio da Escola Infantil A Galiña Azul (onde con este sistema tamén se facilita a rotación de vehículos para as persoas usuarias) e nas marxes habilitadas da rúa Progreso ata o enlace ca rúa do Trasdeza.
Toda a información está recollida nas sinais informativas que se descubrirán nos vindeiros días. O acto inaugural da rúa Progreso, que foi reformada e humanizada cun proxecto co financiado polo Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético (IDEA) terá lugar o vindeiro sábado día 4 ao medio día, ca participación do Delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones. No acto participará tamén a Banda de Música Municipal de Silleda. A reforma da rúa Progreso supuxo un investimento de máis de 700.000 euros.
Comments