top of page

Comeza en Silleda o campamento de verán do servizo lúdico educativo con récord de solicitudes

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

No mes de xuño iniciarase tamén o servizo na vila da Bandeira. Este ano rexistráronse 99 peticións para a tempada estival


Laura Moure/Silleda

O campamento de verán do Servizo Lúdico Educativo do Concello de Silleda vén de iniciarse este mércores nas dependencias do CEIP de Silleda, logo de batir un récord de solicitudes cun total de 99 peticións rexistradas para outros tantos nenos e nenas. A concelleira de Educación, Ángela Troitiño, visitou aos nenos e nenas que estrean o campamento estival nesta tempada, e que contará con diferentes grupos e quedas ata a víspera do inicio do novo curso escolar.


“Tratamos de buscar unha solución para poder reorganizar o servizo e ampliar ao máximo posible o número de persoas participantes, sen incrementar o custe a nivel municipal nin para as familias usuarias”, indica a concelleira, Ángela Troitiño. Logo das pertinentes reunións celebradas nas últimas semanas, ampliouse o número de grupos “burbulla”, con 15 menores cada un, establecidos por idades en cada quenda.

Así, en Silleda, con 54 solicitudes recibidas, o campamento contará con dous grupos de 15 participantes durante todo o verán, agás o mes de xullo pola mañá, na que se organiza un terceiro grupo, tendo así tres grupos burbulla durante todo o mes. Nestes días de xuño , haberá dous grupos de 15 participantes (30 prazas) en horario de mañá e de tarde. En xullo serán tres os grupos (un deles só pola mañá), e en agosto outros dous grupos de mañá e de tarde, situación que se repetirá en setembro ata a víspera do inicio do curso.


No caso da Bandeira, con 45 solicitudes, as peticións centráronse no horario de mañá, ao rexistrarse só 5 para a tarde, co que non se acadou o mínimo de solicitudes para realizar o servizo no horario vespertino. Visto que para os meses de xuño e setembro apenas se rexistraron tampouco solicitudes, elimínase o servizo nestas datas (ao igual que en anos

anteriores) e restructúrase con dous grupos (30 prazas en total) nos meses de xullo e agosto en horario de mañá, de 9:00 a 14:00 horas.


A Vila do Mañá

Por outra banda, o vindeiro luns arrancan tamén as actividades dos obradoiros de A Vila do Mañá, con quendas de mañá e de tarde. O punto de encontro será o pavillón César G. Fares e as actividades, dirixidas por un equipo do estudo POST Arquitectos levaránse a cabo en distintos puntos da vila. As actividades continuarán ata o sábado 3 de xullo.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page