Comeza en Lalín a montaxe das Aldeas de Nadal que se inaugurarán o vindeiro 1 de decembro
- Laura Moure
- 20 nov 2023
- 2 Min. de lectura
Este proxecto único, de selo lalinense, incorporará este ano máis dunha novidade
Laura Moure/Lalín
Lalín prepárase para acoller unhas festas de Nadal cargadas de maxia e de visitantes coas Aldeas de Nadal que este ano incorporan máis dunha novidade. Estes días vén de comezar a montaxe das distintas Aldeas que compoñen este proxecto único, creado, deseñado e executado integramente en Lalín por artesáns e profesionais da zona.

A concelleira responsable de Aldeas de Nadal, Karen Fernández, que se desprazou a comprobar o desenvolvemento destes traballos da man do director artístico do proxecto, “Luchi” Iglesias, remarca que “este ano as Aldeas manteranse nos mesmos emprazamentos, elixidos estratexicamente en sitios de referencia e céntricos do pobo, fáciles de atopar e de visitar”. A distribución é a seguinte:
Publicidade
Aldea do Papá Noel” (Praza da Igrexa)
“Aldea da Música” (Praza da Vila)
“Aldea do Apalpador”, (Praza da Torre)
“Aldea dos Reis Magos” (Praza do Concello)
“Aldea das Estrelas” (Praza Ramón Mª Aller)
“Aldea dos Trasnos” (Parque de Loriga)
Karen Fernández subliña que “este ano seguiremos consolidando as nosas Aldeas como proxecto de referente do Nadal en Galicia, a fin de propiciar que Lalín sexa un referente turístico familiar de inverno a carón da nosa outra imaxe de marca como é a Feira do Cocido”. “Coas Aldeas de Nadal tamén contribuímos á dinamización do pobo e da hostalería na maior época de consumo do ano”, subliña.
Publicidade
Nese sentido incide en que “o conxunto das Aldeas crea unha ambientación de Nadal do pobo máxica, alegre e vital que fomenta a ilusión en nenos e persoas maiores, polo que podemos consideralo xa como un acontecemento de referencia e orgullo”.
A concelleira delegada avanza que “a inauguración das Aldeas de Nadal terá lugar o venres 1 de decembro, ás 19 horas, día no que tamén se prenderá a iluminación de Nadal, pero antes desa data faremos a presentación do proxecto e iremos desvelando as novidades deste proxecto referente con selo lalinense”.
Comments