Cogami e as súas entidades membro denuncian a falta de transporte adaptado
- Laura Moure / IsmaelRS
- 23 oct 2024
- 3 Min. de lectura
Onte tivo lugar unha concentración en Arzúa da man de Amarai
Laura Moure/IsmaelRS/Arzúa
COGAMI, en colaboración coas súas entidades membro, celebrou este martes unha concentración simultánea en diversas localidades galegas para visibilizar a falta de transporte adaptado. Baixo o lema “Teletransporte contra a discriminación”, esta campaña tamén se estende a nivel estatal, cunha reivindicación moi clara: “Ata que o teletransporte sexa viable, que polo menos os transportes habituais cumpran as leis de accesibilidade”.

O martes, 22 de outubro, simultaneamente nas catro provincias galegas, as entidades de COGAMI concentráronse en diferentes puntos estratéxicos para esixir que os transportes cumpran coa normativa de accesibilidade. Nas comarcas tivo lugar en Arzúa da man de Amarai e tamén asistiu o alcalde do municipio, Xoán Xesús Carril. Durante estas concentracións, as persoas participantes luciron vestimentas inspiradas na serie de ciencia ficción Star Trek, destacando o paralelismo entre a ciencia ficción do teletransporte e a realidade que aínda afrontan moitas persoas con discapacidade física e orgánica no seu día a día: a imposibilidade de utilizar un transporte público accesible.
Lectura do manifesto
Nas concentracións, representantes de cada unha das entidades convocadas leron o seguinte manifesto, no que expresaron de forma clara e directa as súas demandas:
"Bos días e grazas por acompañarnos neste día.
Hoxe queremos visibilizar e denunciar a falta de accesibilidade no transporte, as barreiras que nos impiden ás persoas con discapacidade física e orgánica poder coller un autobús para realizar actividades tan cotiás como ir ao supermercado, ao médico, traballar, estudar ou para ir de paseo.
Dende COGAMI e as nosas entidades membro reivindicamos o noso Dereito á Mobilidade. As persoas con discapacidade non debemos ser excluídas nin privadas dos nosos dereitos á autonomía, á saúde, á educación nin tampouco ao emprego por falta de accesibilidade no transporte.
Contamos con leis que nos apoian, como o Real Decreto 1544/2007 que regula as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización do transporte para persoas con discapacidade. A implementación desta norma é insuficiente porque o transporte público aínda non acadou a accesibilidade plena, perpetuando a discriminación estrutural.
Como a día de hoxe non podemos teletransportarnos, ata que o teletransporte sexa viable como na serie Star Trek, queremos que os nosos transportes urbanos e interurbanos cumpran coas leis de accesibilidade e deixen de ser discriminatorios.
A través desta campaña, exiximos que se nos garanta a accesibilidade universal en infraestruturas e vehículos. Aquí queremos incluír a dispoñibilidade de puntos de recarga e subministro eléctrico para dispositivos médicos esenciais como os equipos de oxíxeno líquido, fundamentais para persoas con discapacidade orgánica que requiren apoio respiratorio.
Tamén é importante que o persoal dos medios de transporte estea formado, que coñeza como poder asistir ás persoas con discapacidade, asegurando que teñan un trato digno e adaptado ás súas necesidades.
Como coñecedoras e coñecedores da nosa realidade galega, vivimos maiormente en municipios rurais e son estas zonas as que deberían de asegurar a accesibilidade do transporte. A falta de infraestruturas axeitadas aumentan máis o número de barreiras.
Dito isto, dende COGAMI e as nosas entidades membro pedimos que se nos garanta a accesibilidade universal nas infraestruturas e vehículos. Queremos que todas as estacións, terminais e vehículos de transporte cumpran coas normas de accesibilidade: dende ramplas, ata ascensores, plataformas elevadoras, aseos, espazos suficientes para varias persoas usuarias de cadeiras de rodas e que conten con puntos de recarga e subministro eléctrico para as persoas que requiren apoio respiratorio. A accesibilidade debe estar presente dende a compra do billete ata o uso dos servizos básicos."
Reivindicación por un transporte inclusivo
A falta de accesibilidade nos medios de transporte públicos supón unha barreira diaria para moitas persoas con mobilidade reducida, limitando o seu acceso a servizos fundamentais como a educación, o emprego e a sanidade. Esta situación vulnera dereitos fundamentais. A través da “Teletransporte contra a discriminación” COGAMI busca concienciar á cidadanía e instar ás administracións públicas a que se cumpran as normativas de accesibilidade.
Publicidade
ECOS DA COMARCA estivemos en Arzúa e falamos co alcalde, Xoán Xesús Carril, e como directora do centro de Amarai, Natalia López. Compartimos o vídeo:
Acción a nivel estatal
Esta acción non se limita a Galicia, senón que forma parte dunha mobilización a nivel estatal promovida pola Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), entidade da que COGAMI forma parte. De xeito simultáneo, concentracións semellantes tiveron lugar en cidades como Guadalaxara, Albacete, Cáceres, Badaxoz, Ceuta, Logroño, Sevilla, A Liña da Concepción, Zaragoza, Murcia, Albacete, Huelva, Alacante, Santander e Madrid, uníndose á reivindicación dun transporte sen barreiras.
A campaña está financiada a través das subvencións para actividades de interese social do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. Dende COGAMI, confían en que esta acción axude a impulsar cambios efectivos que garantan o acceso universal ao transporte público para as persoas con discapacidade.
Comentarios