top of page

"Coa miña experiencia en Luar aprendín moito e saquei ese medo e vergoña de subir a un escenario"

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

"Decidín organizar o concurso A Voz da Comarca porque considero que non existen as suficientes oportunidades para que os nenos se adentren no mundo da música en Galicia"

Fátima Lea.

ENTREVISTA Á MELIDENSE FÁTIMA LEA SANFIZ, ORGANIZADORA DO CONCURSO A VOZ DA COMARCA QUE SE CELEBRARÁ O SÁBADO EN SOBRADO


Laura Moure/Melide/Sobrado

Este sábado, 29 de maio, o polideportivo de Sobrado dos Monxes acollerá a primeira edición do concurso A Voz da Comarca, unha iniciativa que busca fomentar as expresións artísticas e introducir á xuventude no mundo da música. A cantante e exrecanteira do programa Luar da Televisión de Galicia Fátima Lea é a organizadora deste certame, que conta co apoio do Concello. A cita arrancará ás 16:30 horas. Este evento está dirixido aos rapaces e mozos de entre 3 e 16 anos que estean empadroados nos concellos de Sobrado, Vilasantar, Curtis, Boimorto, Arzúa, Toques e Melide. E ata este xoves, día 27, os interesados aínda se poden inscribir a través do correo electrónico concursovoz2021@hotmail.com ou mediante o teléfono 610 691 610 e tamén para ir de público débese reservar nese número. Ademais, a este mesmo correo os participantes enviarán dúas cancións en versión instrumental, é dicir, só coa música que queiran interpretar. As pistas instrumentais enviadas teñen que ter un bo audio, que se escoiten ben. E poderá cantarse en calquera idioma e en calquera estilo musical. Os inscritos pasarán por dúas fases, actuando o mesmo día, e haberá grandes premios. Hoxe conversamos con Fátima Lea, que ten 25 anos, é de Melide e é estudante de Comercio e Márketing.


1. Por que decidiu organizar este concurso?

Porque sinceramente considero que non existen as suficientes oportunidades para que os nenos se adentren no mundo da música aquí en Galicia. Fun nena e como a miña experiencia foi complicada pois trato de que non o sexa para os demais. A situación que estamos a vivir é difícil, e sempre considerei que os cativos aportan luz, creo que agora é o momento e necesitamos máis que nunca esa luz para saír adiante.


2. Hai xa moitos anotados?

Non podo negar que foi moi complicado ao principio. Podo dicirche que a días do concurso tiñamos dous nenos ata o punto de chegar a pensar en anular a iniciativa. Pero agora contamos cos nenos suficientes para que se poida celebrar.


3. E en xeral hai dos sete concellos e de todas as idades establecidas para poder participar?

Hai moita variedade, pero si podo dicir que hai concellos que se animaron máis que outros. Os máis pequenos anímanse máis, supoño que hai certas idades nas que pasan por esa vergoña, pero temos un pouco de todo.


4. Por que o escenario elixido foi Sobrado?

Porque a miña iniciativa nun primeiro momento foi moi ben acollida, pero sobre todo porque considero que o final é un pobo pequeno que necesita máis actividades culturais deste tipo. Os nenos son escasos, pero non por iso se debe deixar de lado, e é para que serva como axuda para que non decaia a música no rural digamos.


5. Quen vai ser o xurado?

O xurado por unha banda como organizadora da iniciativa vou a ser eu, xa que sempre estou encima do escenario e agora tocará estar abaixo; Pedro Vilariño, presidente da charanga Os Ardores, e Patri Martínez, ex recanteira do Luar deste ano que representou a Galicia Centro.


6. Como foi a súa experiencia na sección de Recantos do programa Luar?

Digamos que a miña experiencia en Luar foi un antes e un despois. Aprendín moitas cousas e saquei en parte ese medo e vergoña que tiña ao subir a un escenario. Dinme a coñecer, pero non é o que máis importancia lle dou senón que me quedo principalmente con todo a aprendizaxe que recollín.


7. Vostede que tamén competiu en concursos, que consellos lle dá aos participantes de A Voz da Comarca?

O consello que lle podo dar é que desfruten, porque aínda que leva o nome de concurso, e independentemente se se gaña ou non, un sempre se ten que sentir gañador de si mesmo. Que vivan a música porque iso é o realmente bonito.


8. É difícil vivir da música?

En realidade eu teño a música un pouco como un hobbie, vou facendo pequenas pinceladas. Pero quizás por ver a xente o meu arredor que vive dela creo é un mundo complicado e somos moitos a querer entrar por unha portiña tan pequena. Pero tamén dicir que con ganas e ilusión todo se consegue.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page