top of page

Clausúrase en Palas o obradoiro ‘Camiño de Santiago I’, que xa ten en marcha a segunda edición

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Este programa formou a 20 persoas desempregadas en especialidades con boa saída laboral e mellorou espazos da ruta xacobea


Laura Moure/Palas de Rei

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, entregou este martes os diplomas ás 20 persoas que participaron nos últimos meses no obradoiro de emprego Camiño de Santiago I, compartido polos concellos de Palas de Rei, Monterroso e Portomarín.

Arias explicou que acaba de comezar un novo programa, Camiño de Santiago II, que ofrecerá oportunidades laborais a outras 20 persoas desempregadas dos tres municipios. Ademais, ambos talleres -o que finaliza e o novo- inclúen incentivos para contratar a catro alumnos en empresas da contorna por un período mínimo de tres meses. A Consellería de Emprego e Igualdade destina 706.000 euros a financiar o desenvolvemento das dúas iniciativas.


O obradoiro Camiño de Santiago I impartiu as especialidades de promoción turística e información ao visitante, con seis inscritos; e mantemento de xardíns e zonas verdes, con 14 alumnos e alumnas. Os participantes melloraron espazos como a área recreativa dos Chacotes, a travesía do Peregrino, as avenidas de Lugo e Compostela e a praza de Galicia (Palas de Rei); a área recreativa de Airexe, en Ligonde (Monterroso) e os xardíns das capelas de San Pedro e San Nicolás, o do parque Parabéns e o xardín Manuel de Blas (Portomarín).


O delegado destacou que o alumnado se formou en sectores con boas saídas laborais e contribuíu a “mellorar a experiencia dos peregrinos e o resto dos visitantes, reforzando a información que reciben á súa chegada, ademais de embelecer espazos da ruta xacobea”. Apuntou que os participantes reciben un certificado de profesionalidade. Arias tamén incidiu na tripla dimensión dos obradoiros, que ademais de ofrecer unha formación de calidade, permiten desenvolver traballos de utilidade pública e supoñen unha importante colaboración entre administracións.

0 comentarios

Commenti


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page