Laura Moure/Deza
O Liceo de Ourense foi escenario da entrega do premio do Concurso Balbino de Relatos á
gañadora desta oitava edición, Cristalina López Rodríguez coñecida no mundo da literatura como “Clara Martín”, nun acto cargado de emoción e no que a galardoada estivo acompañada de familiares e amigos, pois mesmo un dos seus fillos foi o encargado de por imaxe á obra, deseñando a portada do libro, Loucine.
Ademais de familiares, amigos e veciños, a escritora afincada en Ourense, estivo arroupada polo directivo do Liceo de Ourense, Juan Fonseca; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas de Vila de Cruces, Fernando Redondo; e varios membros do xurado do certame e que determinaron por unanimidade a calidade do relato presentado e que se alzou co premio. En concreto, participaron o escritor Fernando González Graña, o profesor e escritor Carlos Loureiro, a profesora e escritora Rosalía Morlán e o profesor, escritor, investigador e crítico literario Armando Requeixo.

Convertida en toda unha cita festiva para os amantes da literatura, a entrega do premio e a
presentación do libro contaron co acompañamento musical de Iván González Carrera.
Loucine
Loucine é o título dunha composición musical do músico libanés Ara Malikian. Este músico, nado no medio dunha terrible guerra civil logrou escapar na adolescencia deixando atrás unha familia morta de medo. No momento no que Clara Martín comezou a traballar no relato presentado ao certame, esa obra musical formaba parte da banda sonora do momento vital da autora, polo que esa emoción foi inevitablemente trasladada á novela.
Ao igual que a canción, dedicada a unha muller brava, neste libro Loucine son varios os personaxes femininos con peso para a trama. Un compendio de mulleres que avanzan en contra do establecido, arriscándose ao escarnio público e mesmo familiar. Quizais, a verba que mellor recolle a esencia desta obra é kama muta, tal e como se reflicte cara ao final do libro, pois “hai unha palabra que non existe en ningún outro idioma, agás no sánscrito, e
que define ese momento, ás veces é un pequeno instante no que nos sentimos tan cheos de afecto que nos conmove ata o punto de humedecernos os ollos. É unha emoción universal que transcende culturas e que conecta co máis profundo, positivo e agradable do ser humano”.
Publicidade
É por iso que, tal e como a autora sinalou, o que máis ansia nos lectores é que con Loucine “se emocionen, que a historia se lles quede na memoria un par de días, ou un par de meses, ou que a lembren incluso ao pasar o tempo e digan... aquel libro estivo ben!”.
Concurso Balbino de Relatos
Loucine, de Clara Martín, únese á lista de premiados nos que se inclúen, por orde cronolóxica, as obras Camiños na sombra, de Xián Lois Alcayde Dans (A Coruña); De que falarán as árbores, de Ricardo Cid Paz (Ourense); Máis alá do río do esquecemento, de Ricardo Ferreiro Almeda (Sevilla, pero natural de Allariz); Banda Sonora Orixinal, de Pablo Nogueira Campo (O Carballiño); Bica de Montouto, de Pepe Peinó (Lugo); Gumes entre a néboa, de Xosé Alfredo Naz Fernández (Vigo); e A comuna de Valdonelle, de Carlos Neira Suárez (Ferrol).
De periodicidade anual, o galardón premia á obra gañadora coa publicación do libro e unha achega económica de 1.500 euros. Recordamos que este concurso literario xurdiu no ano 2016 co fin de promocionar a literatura, a lingua e aos/ás escritores/as de Galicia, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, a Fundación Xosé Neira Vilas, e os concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces.
Clara Martín
Cristalina López Rodríguez “Clara Martín” (Verín, 9/8/1968) é escritora en lingua galega e castelá galardoada con distintos premios literarios e finalista en certames internacionais e nacionais. Colaborou en libros colectivos como Sempre mar e Imposible no comerse (en el volcán de los amores canallas). Así mesmo, ten distintas publicacións en páxinas web e no seu blogue persoal Bicos con lingua.
Publicidade
No ámbito teatral exerceu como dramaturga coa obra Os pecados do lobo e tamén escribiu No esconderás un cadáver en el armario. Outra das súas obras foi Olvidé decirte adiós… así que adiós sendo traducida ao galego co título Esquecín dicirche adeus… así que adeus e publicada por Edicións Fervenza. Outras obras no seu haber son Estado de Alarma e De maza e canela, contos con sabor e cor, este último libro de contos escritos a partir de receitas da reposteira Teresa Fenollosa e coas ilustracións da artista Isabel Pintado.
Amais da escritura, destaca o seu traballo como colaxista, centrando a súa obra na categoría de femmage, estilo que utiliza materiais, obxectos e técnicas artesanais identificadas culturalmente coa muller. Mostra desta disciplica atópanse no libro Uterus siue uolua (Edicións Fervenza), con poemas de Xulio Pardo de Neyra e ilustrado con colaxes de Clara Martín.
Comments