top of page

Cifras de Covid nas comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa

Laura Moure



Gráfico:IRS


As cifras de persoas con coronavirus seguen sen ser positivas nas comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo os datos proporcionados hoxe, xoves 28, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou por fontes municipais, pero hai que ter en conta sempre que as cifras poden mudar dunhas horas para outras.


Na comarca arzuana, Arzúa pasou de 39 a 51, polo que é municipio de estas catro zonas co maior incremento de hoxe. O Pino mantense con 39; en Boimorto descenderon en dous con respecto a onte e ten 10 e Touro 22, un máis que fai 24 horas.

As cifras van en aumento na comarca de Deza. Agolada pasa de 29 a 32 como indica o concelleiro de Sanidade , Marcos Galego. Tamén ascenderon en tres os casos activos en Rodeiro, como confirmou o alcalde desta localidade, Luís López. “Hai tres novos casos positivos, dous dunha cadea de contaxio e outro dun brote independente”, recalca o mandatario, quen indica que hoxe os usuarios e o persoal da residencia Vivenda Comunitaria Fogar Enxebre de Río recibiron a segunda dose da vacina contra o Covid.

Vila de Cruces rexistra 49, dous máis que onte e Silleda alcanza os 119, sendo o municipio máis afectado de estas comarcas. “Pese ao descenso na Incidencia Acumulada a 14 días (hoxe serían 111), seguen aumentando os contaxios en Silleda, hoxe xoves con 119 casos activos, logo de detectarse outros 17 positivos nas últimas 24 horas”, explica o Concello.

Mentres en Lalín houbo un lixeiro descenso, pasando de 65 a 63 e en Dozón descoñécese a cifra exacta de hoxe. Segundo o Sergas a taxa de contaxiados é de entre 1 e 9 e onte había só un afectado.


Na comarca Terra de Melide, na localidade melidense hai 73, un menos ca onte e Sobrado dos Monxes, Santiso e Toques continúan entre 1 e 9, xa que non transcenderon as cifras concretas.


Por último, Antas de Ulla, na comarca da Ulloa, tamén segue entre 1 e 9 casos; Monterroso ten 10, un menos que hai 24 horas e Palas de Rei pasou de 54 a 57.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page