top of page

Ciencia, obradoiros, fotografía, música e cinema o 2 de agosto en 'Vida Contralume' en Agolada

O grupo Agolada Viva da Plataforma Ulloa Viva organiza este espazo de encontro para falar da defensa do territorio fronte aos incendios forestais


Laura Moure/Agolada

O grupo Agolada Viva da Plataforma Ulloa Viva organiza o vindeiro domingo, 2 de agosto, a xornada “Vida Contralume”, un espazo de encontro na Agolada para falar da defensa do territorio fronte aos incendios forestais. Na xornada haberá faladoiro con expertos en distintos eidos, obradoiros para todos os públicos, música e cinema, centrado na certeza de que un rural vivo é a mellor ferramenta contra o lume.

O autor do cartaz de “Vida Contralume”, o ilustrador agoladense Ángel Ayude impartirá o día 2 de agosto dentro da xornada un obradoiro creativo de debuxo ao natural, “Trazos de borralla”, empregando as cinsas dos propios restos do lume forestal, o que en agosto do ano pasado afectou á parroquia agoladense de O Sexo.


É precisamente a terrible experiencia veciñal dese incendio forestal no Sexo a que inspirou a Ayude para ilustrar o cartaz desta xornada, recreando a unión e indefensión da veciñanza fronte ao lume.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Na Parra do Caldeireiro, a xornada “Vida Contralume” ofrecerá para as crianzas o obradoiro “Mans á terra”, dirixido ao público infantil e impartido pola educadora ambiental de Adega Itzíar Díaz, que ensinará aos máis pequenos a crear sementeiras e bombas de sementes para manter verde o territorio. Tamén estará presente nos Pendellos de Agolada parte do traballo do fotoxornalista Brais Lorenzo, recentemente galardoado co World Press Photo 2026 polo seu traballo “Terra queimada”, realizado nos devastadores incendios forestais que en agosto do ano pasado arrasaron 120.000 hectáreas en Galicia.


Cinema e debate de expertos

“Vida Contralume” proxectará no Auditorio de Agolada o día 2 de agosto ás 19 horas o filme “Ladrones de fuego”, coa presenza do seu director Francisco Vaquero, que recolle testemuñas de veciñanza, expertos e bombeiros por todo o Estado español, apostando pola prevención, a xestión do territorio e a potenciación da gandeiría en extensivo como as mellores receitas contra os incendios forestais. Logo da proxección unha mesa de expertos analizará a problemática dos incendios coa participación do director do filme, o fotógrafo Brais Lorenzo, o biólogo e membro da Xunta Directiva da Plataforma Ulloa Viva Iván Orois, o investigador do CSIC Serafín González, a pastora en Castroverde Hael Docampo e o técnico forestal Diego Val.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A ordenación do territorio e a aposta polas especies autóctonas vén sendo unha liña de loita contra Altri por parte da Plataforma Ulloa Viva desde que coñecemos o proxecto da macrocelulosa. Tanto a Plataforma Ulloa Viva como o propio informe do Consello da Cultura Galega (CCG) elaborado a respecto do proxecto de Altri en Palas de Rei advertían dunha “eucaliptización” do territorio que, debido ao carácter pirófito desta especie aumentaría o risco de incendios forestais no corazón de Galicia e a proliferación dos chamados incendios de sexta xeración.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

O dúo coruñés Escuchando Elefantes pechará a xornada nos Pendellos de Agolada co seu primeiro sinxelo orixinal en galego, “Arder”. Ao remate haberá unha cea a cargo do Estudo Gastronómico Mojar, un dúo gastronómico galego que mestura o culinario co social e o artístico, traballando con produtos locais e memoria alimentaria.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page