top of page
Foto del escritorecosdacomarca

A Xunta activa para mañá alerta laranxa por choiva no interior da provincia de Pontevedra

Agárdase unha precipitación acumulada en 12 horas de 80 mm

Ecos da Comarca/Xeral

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar para mañá a alerta laranxa por choiva no interior de Pontevedra. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso comezará esta medianoite e agárdase unha precipitación acumulada en 12 horas de 80 mm. O resto do territorio galego queda en alerta amarela, con precipitacións de 40 mm en 12 horas que poden chegar aos 60 mm no interior e suroeste da Coruña e na provincia de Pontevedra. Tamén estará activada a alerta amarela por vento, con fortes rachas no interior da Coruña, Noroeste, Miño e Sur de Ourense, e no interior de Pontevedra.


Publicidade

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.


Publicidade

Ante as fortes chuvias e o vento, recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, evitar pasar preto de árbores, paneis publicitarios, andamios e obxectos que poidan ser derrubados polo vento, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse, non aparcar nas ribeiras dos ríos, non utilizar vehículos lixeiros nin de pouca estabilidade e retirar todos os obxectos que poidan caer á rúa desde tellados, balcóns e ventás.


Publicidade

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page