top of page
Foto del escritorLaura Moure

Chegan a Silleda as delegacións de Canéjan e Poggio Mirteto

Laura Moure/Silleda

Silleda acolle dende onte, día 24 de agosto, ata o 31 a 16 persoas de Canéjan (Francia) e 11 de Poggio Mirteto (Italia), dous pobos cos que o municipio silledense está irmandado dende hai varios anos.


O programa deseñado polo Comité de Xestión de Proxectos Europeos de Silleda (Coxesi) en colaboración co Concello e distintas asociacións do municipio comezou este xoves 24, coa chegada dos participantes e a súa

recepción no Centro Social de Cortegada, para posteriormente aloxarse nas casas das familias acolledoras. O grupo foi recibido pola concelleira de Cultura e Tenente de Alcalde, Mónica González, e a concelleira de

Turismo e Promoción Económica, Paula Rodríguez Pena, ademais dos membros do Comité de Irmandamento que preside Belén Calvo.

A programación de actividades deste intercambio cultural baséase en dar a coñecer o patrimonio histórico e natural e a gastronomía de Silleda. Tamén se farán roteiros tendo medioambiente e o rural como protagonistas.


Hoxe, venres 25, realizarase unha excursión a Ourense para visitar a súa Catedral, o Casco Histórico e por suposto, As Burgas. Ás 20:00 horas, na Praza Siñor Afranio de Silleda, terá lugar o concerto que ofrece a Banda de

Música Municipal de Silleda, aberto e de balde a calquera que queira asistir.


Publicidade

O sábado 26 será o día en familia. Tanto o grupo do intercambio como as familias acolledoras visitarán o Museo do Campo e a Mecanización. O xantar farase na Carballeira de Siador e pola tarde, o grupo Xirandola

impartirá un obradoiro de música tradicional neste espazo natural.


Na xornada do domingo 27, o grupo fará un percorrido por Silleda para coñecer a Fervenza do Toxa e o conxunto Histórico-Relixioso de Abades (no que se inclúe a igrexa románica de Santa María e o Santuario da Virxe dos Desamparados). O xantar dese día será en Ansemil-Martixe, onde se degustarán callos e panceta, cociñados pola Asociación Veciñal de

Ansemil-Martixe e pola Asociación Cultural O Cruceiro de Breixa. Pola tarde, vaise visitar o mosteiro de Carboeiro, onde ás 18:00 horas o grupo de acordeóns da Escola de Música de Silleda, as pandereteiras As Ferreñas de Cortegada e Xirandola amenizarán con música esta visita ao cenobio.


O luns 28 haberá unha ruta pola comarca do Deza para visitar o Pazo de Liñares, o Muiño Cuiña, o Pazo Anzuxao e Castro Deza.


Na xornada do martes 29 realizarase unha saída a Santiago de Compostela, onde o grupo de intercambio terá o día libre nesta cidade.


Publicidade

Por último, o mércores 30 visitaranse os murais do programa Mulleres de Extramuros en Cortegada e as instalación de Trasdeza Natur. Pola noite terá lugar a cea de despedida, tendo como protagonista a paella, o prato estrela de Cortegada.


Está previsto que nos actos participen membros das asociacións e colectivos que integran o Comité de Irmandamento. O Concello agradece a colaboración de Coxesi, AVECUCO, Xirandola, Banda de Música

Municipal de Silleda, Asociación Veciñal de Ansemil-Martixe, Asociación Sociocultural de Cortegada, Asociación Feiral da Semana Verde e ao Museo do Campo e a Mecanización, Asociación O Cruceiro de Breixa, o grupo de Acordeóns da Escola de Música, pandereteiras As Ferreñas de Cortegada e a charanga Os Empanaos, así como ás familias que acollen aos participantes no programa.


0 comentarios

Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page