Chega ao seu fin este venres o programa O Xardín dos Contos de Arzúa
- Laura Moure
- 19 sept 2024
- 1 Min. de lectura
A compañía Tropa de Trapo será a encargada de poñer o broche de ouro a esta nova programación de animación á lectura
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza, dentro da programación cultural do verán, a terceira e derradeira sesión do programa de animación á lectura O Xardín dos Contos cun contacontos este venres, 20 de setembro, dirixido a público infantil e familiar.

Despois das funcións levadas a cabo nos meses de xullo e agosto, o espectáculo que pechará o programa será Contos de nenas grandes e pequenas a cargo da compañía Tropa de Trapo a partir das 19:30 horas no Xardín da Casa de Correos. En caso de mal tempo, a actividade levarase a cabo na Capela da Madanela.
Publicidade
Contos de nenas grandes e pequenas é unha proposta de narración oral e música en directo. Contos e cantos de mulleres de todas as idades. Historias, todas distintas e cada unha coa súa voz propia. O poder do amor e da memoria, a importancia do bo trato entre as persoas, a loita contra a violencia machista, a igualdade entre homes e mulleres e a resolución de conflictos mediante o diálogo son algúns dos temas que imos atopar nesta proposta de contos e música da compañía Tropa de Trapo.
Os nenos e nenas que participen estarán convidados a unha pequena merenda grazas á instalación dunha mesa doce que estará ambientada coa temática da literatura infantil.
Publicidade
O concelleiro de cultura, José Luís García, agradece “ás familias que teñan participado neste programa durante o verán e no resto de actividades dirixidas a público infantil e familiar”. Anima tamén “á participación este venres, pois o futuro da cultura no noso concello pasa pola implicación do público máis novo”.
Comments