Chega ao municipio de Silleda a primeira familia de refuxiados ucraínos
- Laura Moure
- 16 mar 2022
- 2 Min. de lectura
Dende o Concello, a través de Silleda Solidaria, estase a prestar apoio ao grupo, que chegou a través dunha familia silledense que contactou cunha asociación da Coruña
Laura Moure/Silleda
O pasado domingo pola noite instalouse nunha vivenda de Silleda unha familia ucraína de cinco membros (tres mulleres e dous adolescentes) que chegaron a través da iniciativa privada dunha familia silledense que contactou cunha asociación da Coruña. Dende o Concello de Silleda, a través do programa Silleda Solidaria, estase a prestar apoio a este grupo e á familia acolledora, en cuestións como interpretación do idioma (grazas a unha intérprete voluntaria que reside en Silleda), comunicación ao Ministerio e á Fegamp da chegada para a regularización da súa situación, ou asistencia psicolóxica e médica entre
outros.
Tamén se está a prestará apoio a outra persoa que veu no autobús fletado dende Lalín e que se instalou con familiares en Silleda. Ademais, dende o programa Silleda Solidaria seguen a prepararse e a coordinar accións ante a posible chegada de máis persoas refuxiadas, sempre a través dos cauces oficiais artellados polo Goberno Central que derivará ás comunidades autónomas a estas persoas unha vez realizados os trámites pertinentes.
Dende Silleda Solidaria, que se dirixe dende o departamento de Benestar Social, estase en constante contacto cas autoridades supramunicipais que están levando a coordinación da axuda humanitaria para coñecer todas as novidades e recursos na atención a persoas refuxiadas. Así mesmo, tamén se elaborou un formulario para que todas as persoas que queiran axudar indiquen o modo de colaboración, a fin de dar respostas coordinadas e precisas.
Recollida en Escuadro
Por outra banda, unha veciña de Escuadro , Asunción García Hernández, organizou a recollida de alimentos, roupa e calzado, xunto ca asociación de Mulleres Rurais Santa Isabel desta localidade, para contribuír á manutención das persoas refuxiadas que vaian chegando.

Comments