top of page

Chega a Silleda 'Lebres como gacelas', a mostra que une poesía e fotografía en homenaxe a Xela Arias

A exposición, na que participan sete autoras con 21 poemas inspirados nas fotografías de Eva Díez e Fran Herbello, ábrese este xoves no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira


Laura Moure/Silleda

Despois do seu paso por Vigo, Caldas e Tui, a exposición Lebres como Gacelas, promovida pola Deputación de Pontevedra en homenaxe a Xela Arias e que conxuga poesía e fotografía, chegará a Silleda este xoves 16 de xuño, onde se poderá visitar ata o 15 de xullo no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira.

Esta mostra toma como referencia o libro de Xela Tigres coma cabalos, onde a autora confrontaba cada un dos seus poemas con imaxes do fotógrafo Xulio Gil e reúne 21 poemas asociados a 21 imaxes fotográfica. Son sete mulleres da escrita galega, Tamara Andrés, Alba Cid, Lorena Conde, Lara Dopazo, Miriam Ferradáns, Olga Novo e Antía Otero, as que amosan as súas obras poéticas creadas ex profeso para a exposición e inspiradas nas fotos dos artistas referentes Eva Díez e Fran Herbello.


O acto de apertura da mostra terá lugar ás 20 horas e contará cun recital de poesía e música, que protagonizarán as dúas poetas Olga Novo e Antía Otero, acompañadas polas mestras da Escola de Música da Bandeira, Cris Collazo (trompa) e Bea González (frauta). Despois desta inauguración, a mostra poderá visitarse ata o 15 de xullo, de luns a venres de 16 a 22 horas.

As obras presentes na exposición retratan o corpo e a contorna cunha ollada fixa na realidade máis inmediata. Temas como a arquitectura, especialmente relacionada coa paisaxe, están moi presentes nas distintas obras da exposición, así como a pegada do corpo humano na vivenda e nas citadas paisaxes.

0 comentarios

댓글


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page