Ecos da Comarca/Xeral
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da orde de axudas destinada a financiar os gastos de 189 agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios. A contía concedida ascende a 340.000 euros.

Por provincias, 63 colectivos da Coruña recibirán axudas por valor de 114.980 euros; en Lugo, son 31 agrupacións beneficiarias, cun orzamento de 49.369 euros; en Ourense, hai 65 que suman un financiamento de 116.362 euros; e en Pontevedra, as axudas chegarán a 30 agrupacións, con 59.287 euros.
As contías poderanse destinar a necesidades como equipamento e uniformes; equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación, mantemento, transporte, ou conservación e alugamento da base; pagamento de seguro de accidentes e responsabilidade civil do persoal voluntario; custos de formación dos seus membros; ou equipamento de material informático e de comunicacións.
Esta convocatoria complementa outros programas do Goberno galego para mellorar os medios de emerxencias dos concellos de menos de 50.000 habitantes. Así, ademais das axudas directas para colaborar cos gastos de funcionamento, a Xunta reforza o material de emerxencias das AVPC coa convocatoria anual para facilitar equipamento como tendas de campaña para emerxencias, vehículos tipo pick-up, remolques de emerxencias,
esparexedores de sal e coitelas de retirada de neve para as actuacións en concellos máis afectados polas nevaradas.
Formación
A maiores do apoio económico, o Goberno galego impulsa a formación destes colectivos a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), onde os voluntarios destas agrupacións e os profesionais dos distintos servizos de emerxencias dispoñen de acción formativas para actualizar os seus coñecementos e poder realizar unha intervención eficaz ante calquera incidencia.
Poden consultarse as beneficiarias no seguinte enlace:https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230608/AnuncioV0654-300523-0002_gl.html
Hozzászólások