Centos de persoas coñecen en Boimorto as novidades en maquinaria agrícola e os mellores exemplares de gando na décima edición de Magreco
- Laura Moure
- 24 mar 2024
- 2 Min. de lectura
Africor e Acruga poñen este domingo á venda máis dunha ducia exemplares na poxa de
xovencas, que estará presidida polo conselleiro de Medio Rural
Laura Moure/Boimorto
“Magreco é un escaparate importante para Boimorto e un referente en toda a comarca no que damos a coñecer o potencial agrogandeiro da zona”, asegurou este sábado
a alcaldesa deste municipio, María Jesús Novo, na inauguración da décima edición da feira multisectorial. Ata Boimorto achegáronse este sábado centos de persoas para coñecer as últimas novidades en maquinaria e para ver algúns exemplares de gando cos que mellorar as súas explotacións. Este domingo celébrase o prato forte, a poxa de xovencas, na que Africor e Acruga amosarán máis dunha ducia exemplares de raza selecta.

A maquinaria agrícola, forestal e de xardín que amosan os máis de 50 expositores é un dos principais atractivos de Magreco. Durante todo o día foron moitas as persoas que estiveron preguntando polas características destas máquinas. Pero Magreco é algo máis. Nesta décima edición tamén conta con produtos de alimentación e artesanía, gando de razas autóctonas, exhibición e zona de xogos para a cativada.
Publicidade
Tras a apertura oficial de Magreco, María Jesús Novo inaugurou o primeiro paso de vaca de Boimorto. Unha iniciativa que o Concello desenvolve conxuntamente coa Casa Grande de Xanceda para “visibilizar a importancia do gando vacún, sobre todo o produtor de leite, na economía do noso municipio, da comarca e do rural galego”, asegurou a alcaldesa, que estivo acompañada polo xerente da Casa Grande de Xanceda. Nos actos oficiais estiveron presentes tamén os alcaldes de Arzúa, Jesús Carril; Oroso, Álex Doval, e Vilasantar, Fernando Pérez; así como concelleiros de Boimorto e das outras tres corporacións.
Este sábado, celebráronse as charlas sobre Pragas emerxentes que afectan ás explotacións gandeiras, impartida polo subdirector xeral de Explotaciósn Agrarias, Nicasio Mejuto; e sobre Horta ecolóxica, na que falou Rosendo Luis Estévez Prada.
Publicidade
Un dos atractivos desta décima edición de Magreco foi ver hoxe ao artista Yosi realizar varias esculturas de madeira utilizando só unha motoserra. Unha destas figuras sortearase este domingo entre os asistentes a poxa de xovencas, ademais de 200 euros doados por Aira e un lote de produtos da feira. A poxa comezará ás 12:00 horas e estará presidida polo conselleiro de Medio Rural en funcións, José González.
A Casa Grande de Xanceda tamén colabora este ano en Magreco aportando o circuíto de tractores a pedais cos que gozou a cativada. Hoxe sortearase tres entre os nenos e nenas que completaran correctamente o circuíto de xincana un mínimo de cinco veces. Os inchables e os obradoiros de olería fixeron gozar tamén aos menores que onte se achegaron ata Magreco.
Comments