A Plataforma Ulloa Viva chama a seguir alengando contra o proxecto e demanda da Xunta ampliación de prazos
Laura Moure/Santiso/Agolada
Preto de 400 persoas chegadas dende distintos puntos de toda Galicia participaron este sábado nunha nova actividade lúdica en contra do proxecto da empresa Altri para instalar unha macrocelulosa en Palas de Rei. Desta volta, os participantes dividíronse en tres grupos, un deles camiñando percorreu os 8 quilómetros que separan San Xurxo (Santiso) da Ponte de Agra, na que o río Ulla divide a parroquia coruñesa de Belmil (Santiso), da pontevedresa de Agra (Agolada). Outro numeroso grupo de ciclistas fixeron tamén unha ruta na zona, con saía e chegada á Ponte de Agra, e a todos sumouse un grupo de 30 persoas en kaiak que baixaron polo Ulla dende A Coruña (Santiso) ata a ponte.

Persoas de todas as idades aproveitaron o bo día para secundar esta nova convocatoria da Plataforma Ulloa Viva e o colectivo Santiso Vivo. No lugar de chegada, onde o Ulla separa as provincias de A Coruña e Pontevedra, estiveron tamén os alcaldes dos dous concellos límitrofes na zona, o de Santiso (Manuel Adán BNG) e o de Agolada (Luís Calvo, PAYJ), ademais doutros representantes políticos de corporacións de concellos da contorna coma Melide e Arzúa.
Ao remate das actividades deportivas, todos os participantes reuníronse a carón da Ponte de Agra para ver chegar polo Ulla aos kaiaks e escoitar a Xulio Fernández, voceiro da Plataforma Ulloa Viva, Serxio Núñez, do colectivo Santiso Vivo e tamén estivo presente no acto coa veciñanza o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. Todos eles explicaron aos
presentes as consecuencias que no tecido socioeconómico da zona tería a implantación da celulosa de Altri en Palas de Rei.
Publicidade
Prazo de alegacións
Xulio Fernández animou aos presentes a “seguir dando a loita” e lembrou que o prazo de
alegacións ao proxecto remata a vindeira semana, o día 17 de abril. Ademais animou aos
veciños afectados polo Proxecto Gama a que escriban tamén á Consellería de Industria
“para pedirlles que amplíen os prazos, que xa que Rueda está a recurtarlle a tramitación a
Altri que dunha vez por todas defenda aos cidadáns e se poña do noso lado”.
O voceiro de Ulloa Viva lembrou que os concellos de Santiso e Agolada, por onde onte se
fixo esta actividade, son eminentemente rurais e se verían afectados pola celulosa cun
deterioro do seu importante sector primario. Ademais advertiu que “sempre, ligado a estes
macroproxectos industriais se produce despoboamento”.
Publicidade
Dende a Plataforma Ulloa Viva, Xulio Fernández agradeceu o traballo e o apoio que todos
os veciños e veciñas están a facer nos últmos meses “para parar a Altri, á Xunta e aos
lobbies de presión cos que contan”. Explicou que esta macrocelulosa “non a queremos,
imos parala e iremos onde faga falla, a Madrid, a Bruxelas e si temos que rematar nos
xulgados tamén o faremos”.

Xa pola tarde, a xornada completouse na zona coa celebración dunha charla informativa
sobre a celulosa de Altri no Auditorio de Agolada. Neste encontro informativo tomaron a
palabra Xulio Fernández, voceiro da Plataforma Ulloa Viva, o biólogo Xurxo Mouriño, o
xeógrafo Antonio Presas, o enxeñeiro agrónomo Xoán Castro.
Comments