Máis de 220 persoas participaron na 3ª Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando
polo Dano Cerebral’, organizada por Dano Cerebral Galicia e o municipio dezá
Laura Moure/Lalín
Nun ambiente interxeracional, festivo e solidario, máis de 220 persoas percorreron este domingo as rúas da capital de Deza na 3ª Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando polo Dano Cerebral’, unha cita organizada por Dano Cerebral Galicia en colaboración co Concello de Lalín para visibilizar a realidade desta súbita lesión cerebral a través do deporte inclusivo.
Atletas, veciñanza da comarca e integrantes do movemento asociativo do dano cerebral chegadas de diferentes partes do país, suaron a camisola para contribuír ao coñecemento social do dano cerebral adquirido, unha discapacidade provocada, fundamentalmente, por ictus e traumatismos cranioencefálicos, coa que conviven máis de 35.000 galegas e galegos.

Antes do pistoletazo de saída das primeiras probas, Luciano Fernández Pintor, presidente de Dano Cerebral Galicia, agradeceu á sociedade lalinense a boa acollida da actividade, malia a intensa choiva que acompañou nalgúns momentos da mañá, e expresou o desexo de que se converta “nunha cita fixa no calendario de corredoras e familias”.
Ademais, Fernández destacou que a actividade favorece o encontro e a convivencia,
sí como a educación das nenas e nenos na necesidade de defender a igualdade de
ereitos e oportunidades. “A de hoxe é unha xornada inclusiva que permite comprobar
como tanto as persoas con dano cerebral adquirido como as que non teñen esta
iscapacidade podemos facer as mesmas cousas”. Nese sentido, o representante da Federación Galega de Dano Cerebral, subliñou que “non hai que poñer o foco no que
nos falta, senón potenciar, valorar e visibilizar as capacidade preservadas que temos”.
Trofeos
A xornada, coordinada polo Centro ETP Encuentra Tu Potencial e Champion Chip Norte, arrancou ás 9:45 horas coa saída da carreira de 10k e 5k, que se desenvolveu por tramos urbanos e pola zona do Paseo do Pontiñas con 80 participantes.
Posteriormente, ás 11:30 horas, despois das probas escolares, realizouse unha camiñada
colectiva de 7 quilómetros.
Na dimensión competitiva, Ismael Lago Monroy, Ricardo Vázquez Baamonde e Luis Miguel Becerro Escribano subiron ao podio na categoría absoluta masculina da distancia máis longa, mentres que en 5K foron Sergio Requeijo Requeijo, Ricardo Bugallo e Manuel Costa Castro os galardoados. No caso da categoría feminina, as corredoras premiadas foron Tina Fernández Barreiros, Andrea Álvarez González e Inés Sueiro Iglesia nos 10K, e Carol Santos Villalón, Vanesa Insaurralde e Estela Méndez Martínez, na 5k. Ademais, na modalidade cadete de 5k premiouse a Samuel Barreiro Arca, Alex García Insaurralde, na categoría masculina, e a Adriana Taboada Montouto, na feminina.
Publicidade
Os trofeos foron entregados por Isaías Castro Martínez, usuario de Sarela (asociación de Santiago); Belén Cachafeiro, deputada provincial da Deputación de Pontevedra, Luciano Fernández Pintor, presidente de Dano Cerebral Galicia; e Paz Pérez Asorey, tenente de alcalde do Concello de Lalín. Esta última sinalou a predisposición do Goberno municipal para continuar realizando esta e outras accións de sensibilización e agradeceu o labor desenvolto tanto por Sarela, a asociación de referencia de Dano Cerebral Galicia na área sanitaria de Compostela, como pola Federación, para que as persoas que residen no municipio e que afrontan a realidade desta discapacidade non queden desatendidas.
Solidariedade e rede de apoios
A xornada foi tamén un espazo de solidariedade. Participantes e veciñanza que se achegaron á Praza de Galicia quixeron apoiar a causa a través de doazóns a Dano Cerebral Galicia, que durante toda a mañá mantivo un posto informativo no que tamén
se desenvolveu un obradoiro de Fast Heroes para sensibilizar de forma lúdica á cativada.
Publicidade
As achegas realizadas destinaranse a cubrir os custos do evento e a financiar as distintas liñas de actuación da Federación para a defensa dos dereitos das persoas con dano cerebral adquirido e a mellora da calidade de vida delas e das súas familias. Estes fondos súmanse ao apoio loxístico e económico prestado por GSI Dotación Industrial, Kalekói, Autobuses Rías Baixas, Eroski, Global Develop Event Service, Piscofino Gourmet, MOVE Centro de Saúde e Movemento, Daveiga, Clube Ciclista Montes do Deza, Gadis, Centro Comercial As Pontiñas, Hipergarden A Estrada, Autocares Meijide, Profecon e Ulla Oil.
Igualmente, para o desenvolvemento da actividade contouse con fondos da Consellaría de Política Social e Igualdade, procedentes dos programas a cargo do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan o X Solidario na declaración da renda.
Comentários