Catro vehículos coliden na AP-9 en Cambre por causa dun xabaril
- ecosdacomarca

- 10 feb 2025
- 1 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
Segundo os Bombeiros de Betanzos, sete persoas necesitaron asistencia médica, aínda que ningunha presentaba lesións graves.
A colisión, na que se viron implicados catro vehículos, produciuse na AP-9, en sentido Santiago, ao paso por Cambre. Eran as 7:20 horas, cando o 112 Galicia recibiu as primeiras chamadas para alertar dun accidente provocado por un xabaril. Había catro coches golpeados e persoas feridas, aínda que ningunha grave. Ademais, producíronse importantes retencións.

Publicidade
Co fin de atender as persoas feridas, desde o 112 Galicia, solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos axentes da Garda Civil de Tráfico. Tamén interviñeron os Bombeiros de Betanzos e os efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil. Con todo, ningún dos implicados necesitou os medios de rescate para saír dos vehículos.
Pola súa parte, os equipos médicos comezaron a realizar os correspondentes traslados ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).
Por outra banda, un coche envorcou na A-55, en Petelos, Mos. Sen embargo, o condutor puido saír polos seus propios medios e recibiu asistencia médica.
Sucedeu unha hora despois do accidente de Cambre e contou coa presenza dos Bombeiros do Porriño, que tiveron que desconectar a batería do vehículo debido a que fumeaba.








Comentarios