Ecos da Comarca/Deza
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta da aprobación da concesión das axudas destinadas a entidades culturais da provincia para promover, fomentar e difundir actividades de dinamización da lingua galega durante o exercicio 2023, unha liña dotada de 150.000 euros e das que se beneficiarán 57 entidades con achegas que ascenden aos 126.000 euros.

Luis López asegurou que “a lingua galega diferéncianos e proxéctanos no mundo cunha personalidade única” e reiterou, “como xa avancei no mesmo día da miña investidura como presidente, que desde a Deputación imos potenciar e moito a nosa cultura e a nosa lingua como sinais de identidade fundamentais para posicionarnos nun mundo cada vez máis global”.
Publicidade
As axudas da Deputación teñen o fin de potenciar o uso do noso idioma no ámbito económico e, en xeral, en todos os sectores con repercusión social. As axudas, destinadas a entidades culturais sen fins de lucro, permitiron subvencionar ata o 75% do orzamento ata un máximo de 3.500 euros. Son susceptibles de acadar as achegas accións de fomento da creación e difusión cultural (certames, creacións, feiras…), sociolingüística e toponimia (estudos sobre sociolingüística, recuperación da toponomia), fomento do emprego no comercio e industria, recoñecementos e distincións (xornadas, campañas…), obradoiros para reforzar o traballo a prol do uso da lingua entre a veciñanza e publicacións de materiais que teñan como fin introducir ou estender o uso da lingua nalgún eido.
Publicidade
Obteñen recursos 20 entidades da comarca de Vigo 13 de Vigo, 2 de Redondela, 1 de Baiona, 1 de Gondomar, 1 de Mos, 1 de Nigrán e 1 do Porriño) , outras 10 entidades do Morrazo (7 de Cangas, 2 de Bueu e 1 de Moaña), 9 entidades do Salnés (4 de Vilagarcía, 1 de Cambados, 1 do Grove, 1 da Illa, 1 de Sanxenxo e 1 de Vilanova), 8 entidades da comarca de Pontevedra (4 de Pontevedra, 2 de Marín, 1 de Poio e 1 de Ponte Caldelas) , 6 entidades de Deza-Tabeirós (3 de Lalín, 2 da Estrada e 1 de Silleda), 3 entidades do Condado-Paradanta (1 de Mondariz, 1 das Neves e 1 de Ponteareas) e, finalmente, unha entidade do Baixo Miño (O Rosal).
Comments