Ecos da Comarca/Melide
Por desgraza, hai xusto hoxe un mes tiñamos que dar conta dun incendio orixinado nunha casa na parroquia melidense de Santalla de Agrón.

Hoxe a familia quere agradecer toda a a axuda e os apoios recibidos.
É domingo. Toca desconectar da semana e sobre todo, estar ca familia. Saes da casa as 9:30 horas para ir ao partido do Santiso no que xoga Diego. Son momentos nos que o fútbol é máis que un deporte. Pais e nenos somos unha piña e toca desfrutar da xornada sendo o marcador o menos importante. Logo toca comer coa familia. É un domingo calquera, pero é un domingo máis para gozar dos pequenos momentos da vida, que iso é o realmente importante.
O que se presentaba como un bo día en cuestións de segundos, e tras unha chamada, converteuse nun auténtico pesadelo. "Estavos ardendo a casa". Esas palabras estremecéronnos. Os nosos oídos non querían escoitar e a nosa cabeza empezou a dar voltas coma unha noria. Os 18 quilómetros que distan dende Berredo (Agolada) (a casa dos avós maternos) aumentaron de golpe. A tensión e o nerviosismo ocuparon todo o coche e parecía que non nos deixaban avanzar. Pero ao mesmo tempo, moi no fondo unha voz tranquilizábanos de que non ía ser nada. Todo quedaría nun pequeno susto. Pero por desgraza, esa diminuta voz equivocábase. Dende lonxe xa vimos tanto fume saír polo tellado e aí comezaba o noso pesadelo.
Foi un día moi duro. Non sabemos explicar a angustia e a impotencia que sentimos. En cuestións de minutos parte da nosa vida e sobre todo, moitos dos nosos recordos foron devorados polo lume.
Hai uns meses que regresamos a nosa terra, Galicia, para volver empezar ao lado dos nosos. Deixamos atrás 20 anos no País Vasco e chegamos coas nosas maletas e pertenzas cargadas de ilusión e por que non dicilo? Cun pouco de medo... E por desgraza, aos poucos meses da nosa volta atopámonos con este maldito capítulo da nosa vida.
Aínda hoxe que se cumpre un mes daquel fatídico 13 de marzo, non temos palabras para expresar todo o que sentimos ese día e os seguintes. Aínda nos levantamos coas ganas de querer espertar deste pesadelo e sabemos que para os nosos fillos, Cristina e Diego, o día a día está sendo máis complicado ao calcinarse por completo a súa habitación e polo tanto, as súas pertenzas, incluídas todo o relacionado cos seus estudos.
Pero ao mesmo tempo, sentímonos afortunados de estar vivos. E sobre todo, de estar rodeados de tanta xente TAN BOA (con maiúsculas) que nos rodea e que se nos cruzou no camiño para botarnos unha man e moitos sen sequera coñecernos. Estamos inmensamente agradecidos coa parroquia de Santalla de Agrón (Melide) porque apenas levabamos sete meses vivindo alí e non nos deixaron caer. O pobo enteiro mobilizouse para axudarnos en todos os sentidos e non temos como pagarllo. Gracias á Unión Deportiva Santiso Fútbol Club e todas as persoas que forman parte desta entidade deportiva que, realmente xa son amigos, por axudarnos tanto. Tamén ao Instituto de Melide por tantas facilidades e axuda. Gracias a toda a xente do municipio de Melide e doutros, especialmente de Agolada e Santiso onde temos as nosas raíces, por tamén arrimar o ombro e axudarnos. E toda a esa xente que nos mandastes ánimos, fixestes aportacións económicas ou nos destes tanta roupa, como foi o caso de Alecrín Asociación de Mulleres Rurais da Comarca de Melide. Mil gracias porque sabemos que nos tempos que corren todos estamos sufrindo e aínda así quixestes axudarnos.
Sentir tanta unión e tanta axuda é o que nos fai seguir adiante e ver a parte bonita desta desgracia. E por suposto, tampouco nos podemos esquecer das nosas familias, amigos, dos propietarios da vivenda por ser tan boas persoas, que como nos dicían xa os veciños: sodes uns anxos! E gracias tamén ás distintas administracións públicas por brindarnos o voso apoio.
Gracias de corazón.
Chus, Jose, Cristina e Diego.
O equipo de ECOS DA COMARCA sumámonos a eses agradecementos. Gracias a todos!
NOTICIA DO INCENDIO:
Commentaires