top of page
Perruquería Marisa.gif

Carmela Silva lucirá en Fitur zocos made in Cruces

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén levará un bolso da cruceña Elena Ferro inspirado nas fundas que gardaban a antigas pandeiretas


Laura Moure/Vila de Cruces

Almillas, zocos, pendentes das colareiras do Grove, sapos artesanais, estameñas únicas e a cor da flor do toxo, “que tanto falan de nós”, serán protagonistas do lanzamento o vindeiro xoves, 19 de xaneiro, ás 17:00 horas, en Fitur 2023 da campaña “Orixe Rías Baixas. Un ano e mil ocasións para celebrar a provincia de Pontevedra”, coa que a Deputación promoverá o destino durante o 2023. A presentación no stand Turespaña “vestirase” con elementos tradicionais senlleiros e representativos da provincia da man da presidenta Carmela Silva e a artista multidisciplinar Julia de Castro, encargadas de conducir o acto de presentación da campaña en Ifema, así como a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, que levarán roupas, complementos e calzados artesanais como xesto de compromiso coas tradicións e coas pequenas empresas do sector téxtil da provincia.


Así, a presentación de “Orixe Rías Baixas” en Fitur será unha “experiencia en si mesma” xa que amais de amosalo a través de audiovisuais e imaxes “o orgullo de pertencer a unha terra ancestral na que desfrutar de vivencias, culturas e tradicións únicas no mundo” poderase tamén palpar a través das vestimentas, feitas expresamente para a grande cita turística. O concepto de artesanía local, de recuperación de tradicións nosas e únicas “que tanto nos identifican”, forma parte tamén da campaña deste ano de “Orixe Rías Baixas”.


A presidenta provincial, Carmela Silva, vestirá unha antiga almilla, chaqueta tradicional bordada, adaptada a corte feminino, na cor da chorima ou alecrín (flor do toxo). Trátase dunha peza feita pola deseñadora viguesa Patricia González Iglesias, inspirada no cadro “Saíndo de misa. Pazo de Mende” (1907) do pintor Álvarez de Sotomayor. Ademais, calzarase con zocos da Premio Nacional de Artesanía Elena Ferro, de Merza, Vila de Cruces e levará pendentes das colareiras do Grove, en concreto da artesá Montse Betanzos, amais dun colar de sapo seguindo a tradición galega. Carmela Silva lucirá tamén un bolso da artesá Elena Ferro inspirado nas fundas que gardaban a antigas pandeiretas, unha reintepretación deste instrumento musical femenino en Galicia por excelencia.

Silva con Ferro lucindo os seus zocos.

Pola súa banda, Julia de Castro vestirá unha peza de traxe tradicional negro bordado con abelorios, que se trata dun elemento orixinal e único, e levará pendentes de “ferriñas”, da artesá Ana Freiría, que reinterpreta unha das pezas clave da música en Galicia: a pandeireta. Finalmente a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, lucirá estameña vermella inspirada no dengue tradicional, con bordados de petróglifos da provincia como son Outeiro das Sombriñas (en Ponte Caldelas), Laxe dos Cervos (Cerdedo-Cotobade), Rotea do Medio (Campo Lameiro) e Castro de Troña (Ponteareas).

De feito, amais do vestiario que lucirán en Fitur, as mulleres e os homes da artesanía, o téxtil e as tradicións senlleiras da provincia protagonizan de forma clara a campaña “Orixe Rías Baixas”. Deste xeito ao longo da peza audiovisual que a Deputación presenta este ano poderase ver a Elena Ferro, Josefa Ferro, Vanesa Quintela e Sara González, zoqueiras de Elena Ferro. Tamén a Manuel González Ferradás “Purro”, Valentín Otero, Antía Santos e Anxo Estévez, da Asociación de embarcacións tradicionais Os Galos; Manuel Presas, do Museo FAVUM, Lagar da cera; María Mercedes Lomba, argaceira da Guarda; Montse Betanzos, colareira do Grove; Meira Paz, José Sousa, Fiz Axeitos e Xacobe Cabrera, da Asociación Etnográfica A Merdeira; Dolores Rodríguez, Lealdina Amira, Joaquina Fernández, Alegría Busto, Manuel Barbosa, Dalmiro Fernández, de Pandereteiras de Gargamala; e Romina Casal, Henar Lameiro e José Manuel Souto, da Asociación Cultural Cobres-Entroido de Cobres.


53 visualizaciones0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page