Carme Seijas: "O BNG intenta enganar apropiándose dunha obra que a Xunta xa tiña contratada"
- ecosdacomarca

- 5 jul
- 3 min de lectura
O PP Agolada considera "unha nova mostra de demagoxia a nota de prensa difundida polo BNG sobre as obras de reforzo do firme nas estradas PO-840, PO-841 e PO-213"
Ecos da Comarca/Agolada
O Partido Popular de Agolada considera "unha nova mostra de demagoxia a nota de prensa difundida polo BNG sobre as obras de reforzo do firme nas estradas PO-840, PO-841 e PO-213". A voceira popular, Carmen Seijas, denuncia que “o BNG volve recorrer ao mesmo modus operandi de sempre: cando sabe que unha actuación da Xunta está a piques de executarse, sae correndo para intentar facer crer aos veciños que é froito da súa presión política. É unha estratexia repetida unha e outra vez, baseada en apropiarse de actuacións que xa estaban tramitadas para intentar sacar rendemento partidista”.

Seijas lembra que “neste caso os feitos son incontestables”. Explica que a actuación xa superou todo o procedemento administrativo mediante unha licitación pública, aberta e transparente. A obra foi adxudicada o 27 de abril e o contrato formalizouse o 11 de maio coa empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos, S.L.U., que dispón dun prazo de execución de 12 meses para realizar os traballos. Toda esta información é pública e pode consultarse na Plataforma de Contratos de Galicia.
PUBLICIDADE
“Por iso preguntámonos se o BNG descoñecía esta información ou se, pola contra, decidiu ocultala deliberadamente aos veciños. Porque resulta difícil entender esta saída pública cando saben perfectamente que a Xunta xa cumpriu coa súa obriga e que agora o único que queda é que a empresa execute a obra dentro dos prazos establecidos”, afirma a voceira popular.
PUBLICIDADE
Carmen Seijas tamén cuestiona “se con estas declaracións o BNG está poñendo en dúbida á empresa adxudicataria antes incluso de que poida iniciar os traballos, ou se simplemente intenta xerar unha polémica artificial para atribuírse un mérito que non lle corresponde”. “O que realmente molesta ao BNG non é que as obras non se fagan, porque saben perfectamente que se van facer. O que lles molesta é non poder poñerse a medalla dunha actuación que xa estaba decidida, contratada e en marcha”, sinala.
A voceira popular lamenta que “unha vez máis, o nacionalismo opte pola política do titular e da confusión no canto de informar con rigor aos veciños. A Xunta de Galicia fixo o seu traballo, cumprindo escrupulosamente todos os trámites administrativos, con transparencia e conforme á legalidade. Agora corresponde á empresa executar a actuación no prazo previsto”.
PUBLICIDADE
Para concluír, Carmen Seijas asegura que “os veciños de Agolada merecen máis seriedade e menos teatro político. Ao BNG moléstalle menos que unha obra se retrase que non poder atribuírse o seu inicio. Porque cando a Xunta cumpre, sempre atopan unha escusa para intentar ocultalo. No Partido Popular seguiremos defendendo a política dos feitos: tramitar, licitar, adxudicar e executar as obras, mentres outros seguen instalados na propaganda e na demagoxia”.
O que dixo o BNG: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-denuncia-que-a-xunta-incumpriu-o-de-iniciar-no-1%C2%AA-semestre-as-obras-da-po-840-en-agolada
NOTICIAS RELACIONADAS:
O BNG de Agolada esixe o arranxo urxente da N-640 e da PO-840: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-de-agolada-esixe-o-arranxo-urxente-da-n-640-e-da-po-840
O BNG insta á Xunta a arranxar o firme da estrada PO-840 ao seu paso polo concello de Agolada: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-insta-%C3%A1-xunta-a-arranxar-o-firme-da-estrada-po-840-ao-seu-paso-polo-concello-de-agolada
A Xunta acaba de darlle luz verde á licitación das obras de reforzo do firme da PO-840 en Agolada: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-xunta-acaba-de-darlle-luz-verde-%C3%A1-licitaci%C3%B3n-das-obras-de-reforzo-do-firme-da-po-840-en-agolada









Comentarios