Carlota Salgado, Paula Rivela e Eduardo Rial formarán parte da candidatura do BNG de Vila de Cruces
Laura Moure/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces anunciou este luns tres das persoas que formarán parte da candidatura de Álex Fiuza para os vindeiros comicios. “O BNG preséntase a estas eleccións con persoas que apostan por asentar a súa vida en Vila de Cruces, xente con experiencia na organización e tamén no concello, como Carlota Salgado (actual concelleira) e Paula Rivela (coresponsable comarcal de finanzas), xunto con incorporacións de relevancia como Eduardo Rial, que ocupará o número 5, para construír un goberno que mire pola xente, deixando atrás personalismos e pensamentos egoístas que van en contra das necesidades da veciñanza.”

Carlota Salgado Leal (número 2), graduada en Belas Artes e Grao Superior en Frauta Traveseira. Actualmente é profesora substituta de Secundaria e conservatorio. “Formo parte deste gran equipo porque é a única opción para pegar un cambio de rumbo en Vila de Cruces”.
"Teño 34 anos e sempre estiven vencellada á música, así é que a miña segunda casa é a Banda Artística de Merza. Síntome comprometida co traballo social e cooperativo, por iso participo en diferentes iniciativas culturais, proxectos asociativos e con perspectiva de xénero. É para min unha honra ocupar o segundo posto de saída co meu compañeiro Álex Fiúza, a quen admiro pola súa integridade, impecable xestión e profunda convicción de que podemos dar vida a este pobo e poñer por diante os dereitos da xente que vive aquí", recalca.
Paula Rivela Cabanas (número 3), licenciada en Historia e Técnica de Igualdade. Actualmente é autónoma no ámbito da igualdade e da xestión cultural. “Son parte desta candidatura porque quero unha Vila de Cruces social e igualitaria, na que a cultura e o patrimonio sexa motor da comunidade e ferramenta de asentamento de poboación”.
"Teño 40 anos, son nai de tres fillos, hai 18 anos que vin a vivir ao Poboado Mineiro de Fontao, un espazo do que namorei nada máis coñecelo. Dende que cheguei sempre estiven vinculada ao movemento asociativo, intentando aportar o meu graíño de area a mellorar a contorna, a coidar o patrimonio e crear comunidade. Ser a terceira da candidatura presentada por Alex Fiúza, é unha grande responsabilidade que asumo con moita ilusión e ganas de aportar", subliña.
Eduardo Rial Barral (número 5), 34 anos, veciño de Camanzo. Deseñador (Produto e Moda) e artesán. Acaba de emprender o seu proxecto persoal como xastre, aínda que leva xa algún tempo como transmisor de técnicas artesanais [en Camanzo, Ledesma, Compostela], que combina como traballador nun restaurante local.
É o candidato número 5 do BNG de Vila de Cruces. “Súmome ao proxecto do BNG debido á necesidade de cambio, porque quero formar parte dun equipo transparente, de xente boa, con gañas de impulsar e revitalizar un concello cunha ubicación xeográfica extraordinaria. A oportunidade de amosar á xente outro xeito de traballar, dende unha óptica máis actual, aberta, moderna e renovadora, sen romper coa tradición.”