É a cifra máis alta neste mes dos últimos anos. O mosteiro segue a confirmarse como un dos puntos máis visitados do interior da provincia
Laura Moure/Silleda
O Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, de Silleda, volve superar as cifras que se rexistraron nos últimos anos. O pasado mes de setembro, o cenobio onde se ubica o Punto de Información Turística da Rede de Oficinas Infor Rías Baixas, recibiu un total de 1.705 entradas, a cifra máis alta nun mes similar dende a última década. Para poder contrastar esta cifra coa anterior máis alta, hai que retroceder a setembro de 2017, cando se acadou unha cifra de 1.597 visitas, polo que se constata un considerable aumento.

No perfil turístico, ó igual que meses anteriores, obsérvase –segundo os datos das enquisas realizadas polo personal da oficina- unha maioría de mulleres de entre 35 e 65 anos que se achegaron coa súa familia e no seu vehículo ata o antigo cenobio; aínda que un 5% decidíu facer o sendeiro do Deza e por tanto chegaron a pé ata o Mosteiro.
En canto a procedencia, ésta foi moi variada. De todos xeitos, a maioría procedía da comunidade autónoma de Galicia (75%), máis concretamente da provincia (50%) e da cidade (139 pax.) de Pontevedra. Non obstante, un 26% das visitas procedían do resto de España, sendo en gran parte persoas da comunidade de Madrid (134 pax.) e, por outro lado, un 3% corresponde ao resto do mundo, de lugares como Portugal, Francia, Rusia,
Australia, Bélxica,…
O mosteiro de Carboeiro conta dende o pasado 16 de setembro con horario de outono, abrindo as súas portas de martes a domingo en horario de 11:00 a 14:30 e de 16:00 a 19:00 horas.
O bo tempo das últimas semanas tamén está a notarse neste aumento das visitas a Carboeiro, un dos puntos turísticos máis visitados do interior da provincia de Pontevedra. Neste verán, foron en total máis de 9.400 as persoas que visitaron o mosteiro silledense, tendo en conta as boas cifras dende o mes de xuño (con 1.182 visitas); xullo, con 2.398; e os récords acadados en agosto (4.148) e setembro, con1.705 entradas.
コメント