"Os propios coñecidos son xa os que nos dan ideas e nos piden novos sabores xa que están desexando probalos, como por exemplo, o de lacón con grelos"
ENTREVISTA A BRAIS PÉREZ FÉRNANDEZ, VECIÑO DE GONZAR, O PINO, QUE CREOU XUNTO A OUTROS DOUS COMPAÑEIROS, OS IOGURES FLORES DE PASTO DE LARSA
Laura Moure/O Pino
A coñeciada empresa Larsa sacou recentemente ao mercado uns innovadores iogures a base de flores e plantas dos pastos galegos: con sabor a toxo e verbena, a violeta o a sabugueiro. E detrás desta idea está o veciño de Gonzar (O Pino) Brais Pérez Fernández. Este mozo de 23 anos puxo en marcha estes sorprendentes sabores xunto aos seus compañeiros, os tres inxenieros agrónomos, Roberto López Toja e Antón Polo Fernández. Pérez actualmente traballa de responsable en Queixería Artesanal Ruta Xacobea, pertencente ao grupo TGT; Antón Polo é de Sabadelle (Chantada) e traballa en Queserías Prado e Roberto López é da Coruña e desempeña a súa labor na industria do pan, en grupo Dacunha.
1. Como xorde a idea de facer os iogures flores de pasto?
A idea xorde como resultado de mesturar vangarda e tradición. Por un lado, intentamos analizar as novas tendencias nos mercados exteriores e vimos que as flores estaban sendo un dos emerxentes, con países como Holanda exportando cada vez máis cantidade delas. De seguido fixámonos que cada vez son máis os cociñeiros de prestixio que as utilizan para aportar novos sabores, aromas e colorido aos seus pratos. Por outra banda, para aportarlle o toque galego ao que vai asociado a marca Larsa, decidimos apostar por aquelas flores que cando pensas en Galiza che veñen a mente como é o toxo e verbena, a violeta ou o saúco.
2. Como foi o proceso?
Dende que nos decidimos por presentar este iogur de flores, tivemos un longo percorrido indo da man coa investigación, con probas de calidade e con experimentos tamén a nivel caseiro como pode ser facer unha infusión de saúco. Primeiramente, probamos con pétalos de flores mesturados con iogur natural pero gracias a nosa formación en industrias alimentarias, pronto nos decatamos que si queriamos triunfar co produto, isto non era factible xa que necesitabamos unha forma máis sinxela e rápida de conseguir o produto final que buscabamos. Xa que hai que ter claro que para que unha empresa como Larsa saque un produto ao mercado non se lle pode modificar o proceso produtivo da súa liña xa que isto tería un coste para eles que non están dispostos a asumir, e meter pétalos dentro da industria alimentaria (co que leva asociado, como pequenos insectos ou fungos) pode traer problemas de calidade. Polo tanto, o seguinte paso en intentar adaptar e dar forma ao noso produto, foi probar con infusións. Este consistía en infusionar flores secas con auga e ese líquido resultante xa con todo o aroma, incorporalo ao iogur en pequenas proporcións para que así collera o regusto. Cada vez iamonos acercando máis ao produto que tiñamos en mente, pero faltábanos aínda que a proporción de infusión que tiñamos que misturar para que o iogur tivera sabor e este quedaba moi líquido, polo que o último paso foi traballar con aromas concentrados para que así, con só unha gota tivésemos ese iogur con sabor e aroma a estas tres flores galegas.
3. Cales son os ingredientes usados?
Para obter un produto de calidade, sinónimo da marca, fan falta, valga a redundancia, materias primas de calidade, por eso se usa leite de pastoreo 100% galego, que lle permite ás vacas saír en liberdade a comer a fresca herba e flores dos pastos. Por outro lado, unhas pingas do extracto que ten todo o sabor destas flores galegas concentrado. Por último, fermentos lácticos para conseguir a textura desexada e azúcar para endulzalo e que guste a todos os públicos.
4. Como se consegue o sabor Verbena?!
Poderiamos dicir que este sabor é froito de extraelo da planta e concentralo pero estariamos mentindo. Non soamente se consegue así xa que como ninguén temos asociado dito sabor, cando probamos o iogur por primeira vez, este recórdanos a cousas diferentes a cada un de nós, xa que a mente asóciao a un momento ou sabor diferente, ben polo xogo de palabras que presenta ou ben porque nos recorda a outros aromas. Persoalmente, a primeira vez que o probei, o meu subconsciente trasladoume as típicas romarías galegas que durante todos os veráns se celebran en Galicia.
5. Que vos din no voso entorno? Porque non deixa de ser sorprendente.
A verdade é que non deixa de ser unha sorpresa e os nosos coñecidos non fixeron outra cousa que felicitarnos, antes e despois de probar os iogures, xa que a todos eles lles gustaron. Dinnos que con estes novos sabores de flores, cada vez que toman unha cullerada poden sentir a primavera e os coloridos que hai nos pastos galegos.
6. Que supuxo gañar o certame innovación de Larsa?
Supúxonos en primeiro lugar satisfacción persoal xa que esta edición tiña un altísimo nivel na cal participaban alumnos doutras titulacións e incluso grupos de investigación das universidades galegas, polo que a túa idea salga gañadora no medio das outras, é un orgullo. Pero que gañaramos non é froito da sorte, tamén quere dicir que a formación en
Enxeñería Agrónoma que recibimos por parte da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo dá os seus froitos e aporta entender os procesos produtivos da industria a perfección.
7. Noutra edición quedaron os tres tamén finalistas. Que presentaron nesa ocasión?
Efectivamente, na primeira edición do concurso quedamos segundos. Presentaramos unha gama de Kéfir de sabores cando aínda non estaban presentes no mercado. Isto permitiunos coller experiencia para que nesta segunda edición non se nos escapase detalle á hora de presentar un produto e envase de calidade.
8. Pensan que chegarían a velos no mercado?
A verdade é que é moi difícil imaxinar que un produto que ti penses e elabores poida chegar a estar nos lineais do supermercado vendido baixo unha gran marca de calidade e prestixio como é Larsa. A pesar diso, unha vez que conseguimos o produto que tiñamos en mente, estabamos convencidos de que poderíamos velos no súper xa que conseguimos un novo sabor innovador sen modificar nada o proceso produtivo co que a marca elabora os iogures, polo que fabricalos non lle supón ningún gasto extra.
9. A acollida como está sendo?
A acollida está sendo moi boa, de feito as primeiras semanas que saíron era case imposible dalos atopalos nas estanterías dos supermercados, e malia que por agora só se venden nos Gadis, a xente está apostando por probar estes novos sabores de flores dos pastos que tanto a Galicia recordan.
10. Teñen xa en mente novos sabores?
Si, unha vez que rompes co estándar na innovación dos sabores, daste conta que podes elaborar un produto do sabor que te propoñas. Os propios coñecidos son xa os que nos dan ideas e nos piden novos sabores xa que están desexando probalos, como por exemplo, o de lacón con grelos, pero por agora estamos á espera de como seguen as vendas dos iogures de flores.
Comments