Distintos negocios apostan polo servicio a domicilio para poder obter algo de ingresos, aínda que consideran que as ventas están sendo bastante reducidas
Laura Moure
Coa chegada da pandemia a maioría dos negocios viron afectadas as súas ventas. Se cese por completo da actividade, se redución de xornada, se peche perimetral... practicamente son todo trabas. Sen embargo, os distintos empresarios están sacando folgos para intentar reinventarse e dalgunha maneira poder continuar. As ventas online e o servicio a domicilio son as súas grandes bazas. Restaurantes, carnicerías, tendas de roupa, zapaterías... non escatiman esforzos para levarlles eles o que necesitan a súa clientela. Non hai problema, se ela non pode ir aos seus establecementos, eles van as vivendas. Xa di o dito: Se Mahoma non vai a montaña, a montaña vai a Mahoma.
Este refrán coñéceno moi ben en Estrenas Zapatería e Complementos, de Arzúa. "Pois como temos moitos clientes de arredores de Arzúa, e que nestes momentos nos seguen apoiando, nós tamén queremos apoiar a esa xente facilitándolle así as súas compras. Nestes momentos difíciles hai que reinventarse para seguir", apunta Vanesa Pereiro, responsable deste negocio. "Adoitamos xuntar varios pedidos e cara finais de semana saímos ós domicilios dos concellos máis cercanos. A parte temos contrato cunha empresa de transporte para resto de envíos", explica. Ademais, este establecemento xoga moito coa súa imaxe e publicidade e sabe como chegar ao seu público. As redes sociais son unhas das súas grandes aliadas porque apostan por ensinar o distinto xénero a través delas e moitas veces usando o humor e a alegría, tanto de Vanesa como da súa compañeira Patricia Conde. E sen dúbida, nestes tempos que corren, son moi ben recibidos.
Por outra banda, tampouco se pode pasar de comer un bo churrasco ou unhas hamburguesas do máis variado, xa que nesta época de pandemia, a comida pode ser unha boa menciña para subir os ánimos. Carnicería Mosquera, que ten a súas tendas tanto en Vila de Cruces como en Arzúa, traspasan fronteiras para levar os seus productos ao prato de calquera recuncho. "Vendemos a domicilio dende fai xa anos, pero si que notamos que dende febreiro do ano pasado os envíos se multiplicaron por 10. Temos envíos a nivel estatal (Madrid, Cataluña, Córdoba, León, Valencia, Asturias e País Vasco), a nivel autonómico (sobre todo Vigo, Santiago, Vilagarcía e A Coruña) e a nivel concello", conta Toño Mosquera, responsable deste negocio. " O que máis facemos é levarlle ós nosos clientes productos da carnicería e deixarllos na porta cando teñen un confiamento domiciliario por tema Covid", engade.
Aínda que tamén sofren a pandemia. "Obviamente notamos moito a crise aínda sendo unha tenda de alimentación xa que temos moitos clientes que son grandes restaurantes de diferentes puntos de Galicia. É certo que a xente se xunta menos, non se celebraron festas durante todo un ano e as perdas nas ventas, e polo tanto, nas compras das crías dos nosos clientes tamén se veu afectada. Para eles tamén é difícil entender que teñen un animal listo para o sacrificio e que non se poida porque non hai venta. Esto é unha cadea", explica. "Intentamos non deixar tirados nunca ós nosos clientes/proveedores pero é unha situación difícil para todos". As ventas lévanas a cabo a través de Instagram, Facebook e do teléfono da carnicería.
A situación tamén non é doada nos restaurantes, que unha vez máis tiveron que cerrar as súas portas o pasado mércores, pero poden traballar a domicilio, como é o caso do restaurante O Acivro, de O Pino. "A verdade está sendo peor con respecto ao último confinamento que tivemos pechados. Estamos tendo sobre uns dez menús ao mediodía pola semana e os venres e sábados traballamos sobre todo co tema pizzas. Onte saíron unhas 15 e antonte, menos, case nada, unhas cinco, polo que serve para ir tirando, pero pouco máis", confesa Nacho Morao, dono deste local. Apunta que a xente sobre todo fai o pedido por teléfono.
Outro sector que aposta forte pola venta online son as tendas de roupa. Sen embargo, ven mermadas a súas ventas porque a xente, ao non poder saír como antes en plan cear a restaurantes, disfrutar de actividades de lecer... está mercando moito menos. "Nós xa fai tempo que vendemos a través de Facebook, Instagram... e tiñamos xa a opción de poder enviar pedidos. Que pasa? Aquí en Melide co tema dos domingos que vén moita xente de outros concellos como Monterroso, Agolada... agora co peche perimetral non poden vir. Como levamos xa oito anos na tenda máis ou menos a xente xa nos coñece entón xa nos pide", conta Tania Mourazos, de Pasarela Melide.
"Primero subimos as prendas e demais nas redes sociais que é onde a xente está máis habituada a velas e onde pasa máis horas e máis agora que botamos máis tempo na casa e ven as cousas, como quedan postas... E decidimos crear tamén a páxina web para que se lles gusta lles sexa máis doado compralo", indica Mourazos.
Sen embargo, percibe como a xente está levando este novo confinamento, e non é da mellor forma. "Ao principio, fáloche de hai dúas semanas, si se movían bastante a mercadoría, pero agora cada vez máis a xente ten menos ánimos e xa se nota no ambiente. Está máis aburrida e cansada desta situación e iso repercute á hora de mercar".
Comentarios