top of page

Cando o corazón non se cansa de perseguir os teus soños e te leva ata Polonia

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

A cruceña Noelia Rodríguez Carreira forma parte dun programa de voluntariado neste país



Laura Moure/Vila de Cruces

Polonia é un país de Europa Oriental no mar Báltico, coñecido polo súa arquitectura medieval e a súa herdanza xudía. A cruceña Noelia Rodríguez Carreira está vivindo neste momento alá formando parte dun proxecto de voluntariado. "O programa chámase Servicio de Voluntariado Europeo, que é para mozos de entre 18 e 30 anos residentes na Unión Europea. Eu aquí estou nunha asociación que se chama MODE e traballo xunto con outro voluntario alemán. Levo as redes sociais, é dicir fago de social manager, pero o principal traballo son talleres con nenos e adolescentes, onde tratamos diferentes temáticas, dende discriminación ata diversidade cultural", explica Rodríguez.

Noelia Rodríguez facendo amigos por Polonia


Comparte piso con outros dous mozos. "Esta beca cóbreche aloxamento e comida, polo que neste caso estou vivindo nun piso, con dous compañeiros máis: David que é de Murcia (España) e Stella que é de Italia. Eles están levando aquí a cabo os seus respectivos proxectos. É moi enriquecedor poder vivir nun ambiente tan multicultural, por exemplo, estoume fartando a comer. Vou volver rodando a España!".


Esta non é a primeira vez que colle as maletas e pon rumbo a outro país, xa que tamén estivo hai un tempo en Irlanda, pero a situación é moi diferente pola pandemia mundial. "Esta experiencia debo dicir que non a estou desfrutando como querería debido a situación do Covid, xa que non me permite viaxar o que me gustaría. É moi difícil coñecer xente nova ou a veces deixas de facer plans por medo a poder contaxiarte. Ademais o compartir piso, creo en apostar pola responsabilidade, non só por min senón por eles. De feito, hai tres semanas estivemos en cuarentena porque eu estiven en contacto cun positivo, pero a PCR deume negativa, polo que quedou nun susto", conta esta cruceña, que tamén se queda co bo sempre. "Polo resto estou contenta, como sempre digo, salir da nosa zona de confort é a mellor oportunidade que nos dá a vida para medrar e ser mellores persoas. Nunca me cansarei de seguir o meu corazón e os meus soños! E resumiría esta experiencia en Polonia como facendo balanza entre coidarme e desfrutar", comenta.


Sen embargo, os inicios en todo son complicados e máis cando te atopas noutro país e ante unha cultura e un idioma diferentes. "Ao principio viña un pouco asustada, porque xusto foi cando se estaban producindo todo o altercado co tema do aborto e como persoa pertencente á comunidade Lgtbi, sentía medo. Pero debo dicir que entorno a min, encontreime xente marabillosa e aberta". E o que máis lle custou foi "habituarme ás horas de sol, paseino realmente mal, pero agora pouco a pouco mellor". E se hai algo que tamén bota en falta é "o mar, a comida e en xeral boto de menos Galicia, coas palabras en maiúsculas!


Noelia é desas persoas que non lles importa superar os medos para lograr os seus soños, aínda que sexa poñendo moitos quilómetros de por medio da súa terra e da súa xente, a que non pode deixar de botar de menos. "Volvo exactamente o 5 de abril, cando cumpriría aquí entorno a cinco meses e medio. Por un lado, teño ganas de volver por poder ver á xente que quero, a miña familia, e tamén a miña terriña, morriña de Galicia, que vaia onde vaia síntoa moi preto de min. Pero por outro, vou botar de menos a vida que levaba aquí, de coñecer xente, proxectos, outra cultura, outra lingua... Probablemente xa ca mente nunha seguinte aventura", confesa. "O que máis me gusta é demostrarme a min mesma que podo, que son capaz de viaxar a outra país no medio dunha pandemia mundial, adaptarme a unha nova cultura e a unha nova lingua. Adoro esa sensación cando chego a un novo país!".

Noelia Rodríguez no seu piso en Polonia cos seus compañeiros


A onde a levará o corazón a próxima vez? Teremos que agardar para velo, pero seguramente a súa maleta seguirá viaxando e enchéndose de recordos e deixando pegada alá por onde vaia ganándose moitas amizades.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page