top of page

Campos destaca que tras o primeiro ano de xestión Dozón ten a ratio máis inversora dos concellos

Cunha cifra de 823 euros de investimento por habitante, sitúase en termos absolutos entre os 30 concellos máis inversores da provincia de Pontevedra


Laura Moure/Dozón

O alcalde de Dozón, Adolfo Campos Vázquez, mantivo este xoves un almorzo cos medios de comunicación para presentar o balance do seu primeiro ano de xestión na Alcaldía e avanzar os proxectos de futuro a curto e medio prazo. O rexedor, que compareceu acompañado polos concelleiros Diego Fraga e Tiffany Silva, salientou que Dozón lidera o ranking de concellos máis inversores da provincia de Pontevedra, cunha ratio de 823 euros por habitante, situándose entre os 30 concellos máis inversores, a pesares de ter o segundo orzamento máis baixo, só por diante de Mondariz Balneario.

Tiffany Silva, Adolfo Campos e Diego Fraga este xoves.

“De cada 100 euros que gastou este concello, 50 euros foron para investimentos e iso débese en boa medida a que, a diferencia doutros municipios, conseguimos conter moito o gasto corrente”, resaltou. Tras indicar que no ámbito persoal o “salto cualitativo” de asumir as responsabilidades da Alcaldía resultoulle “moi gratificante”, o rexedor amosouse “satisfeito” co obxectivo que se marcara en xullo de 2020 de modernizar a estrutura de traballo para conseguir que Dozón sexa “un concello máis áxil, resolutivo e orientado aos veciños e que estea ao nivel dos máis grandes en canto á implantación da administración dixital”, Neste senso, puxo en valor “o éxito de ter logrado o 100% dos 20 expedientes de subvencións solicitados” e o feito de “tardar unha media de 72 días desde que alguén dá o primeiro paso para solicitar unha licenza ata que se concede”.


Segundo explicou, esta “mellora da eficacia e da eficiencia” permitiu xestionar fondos para acometer proxectos como a implantación da recollida selectiva, o Plan de mellora integral da Gouxa, a construción do Viveiro de Empresas, a mellora e acondicionamento de rúas no polígono, a rehabilitación do inmoble que se destinará a Casa do Maior ou o investimento de 313.000 euros que está a realizar a Consellería de Educación no CEIP Pío Cabanillas, entre outros moitos.


En canto ao futuro máis próximo, Adolfo Campos anticipou que a finais do mes de outubro completarase a execución dun programa de mellora dos viais municipais que denominou “cero baches” e que está a significar un investimento de 491.000 euros. “A liquidación do exercicio de 2021 demostrará que este será o ano máis inversor da historia de Dozón, superando xa as boas cifras do ano 2020”, apuntou. Xa para o exercicio de 2022, a reforma da Casa Consistorial -consistente nun investimento de 405.000 solicitado ao abeiro do programa provincial Reacpon- e a implementación dun Plan Integral de Turismo, son dous dos proxectos previstos.


O alcalde tamén se referiu a outras iniciativas “que aínda non teñen o grao suficiente

de madurez”, pero que ao goberno local de Dozón lle gustaría sacar adiante: un Centro

de Día, novas vivendas sociais e novos abastecementos.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page