O candidato socialista de Rodeiro amosa o elemento patrimonial a Carmela Silva e explícalle os seus plans para poñelo en valor
Ecos da Comarca/Rodeiro
"Rodeiro é un concello que nos últimos anos ten demostrado un total desinterese pola recuperación do seu patrimonio. Un desleixo co que o candidato socialista, José Luis Camiñas, quere acabar", sinala o PSOE de Camba. Camiñas proponse recuperar a torre medieval de Outeiro, en Fafián, un lugar que visitou coa presidenta do PSdeG e da Deputación, Carmela Silva, para informala dos seus plans.
Ao pé das ruínas desta edificación anunciou que o seu programa electoral inclúe a negociación dun acordo coa familia propietaria para a súa cesión ou adquisición por parte do Concello como paso previo á súa restauración.
Camiñas quere elaborar un proxecto arquitectónico que presentará a unha convocatoria de fondos extraordinarios da Deputación ou do Estado. “Lamentablemente, a Xunta, que é a Administración que debería velar pola recuperación do patrimonio galego, nin se ocupa de recuperar este tipo de bens, nin convoca nada que nos permita facelo a nós”, lamentou.
“En Rodeiro temos moitas necesidades pola nefasta herdanza que deixa o actual Goberno municipal, tanto co abandono dos camiños como no “mausoleo” do edificio polivalente, dúas cousas que van consumir moitos recursos no próximo mandato, pero en canto sexa posible poremos a andar este gran proxecto de recuperación do patrimonio de Camba e
impulso ao turismo”, anunciou.
A torre (ou tulla de Fafián) é unha edificación moi singular e que aparece referenciada por primeira vez no século XV e que no século XVIII pasou a converterse en almacén de gran da recadación de impostos neste territorio. Conserva gran parte da súa fachada exterior.
Comments