"Cambiazo dos límites de vertedura de Altri, incluído na última documentación presentada pola empresa"
- ecosdacomarca
- 3 may
- 3 Min. de lectura
Ulloa Viva alerta "dun cambiazo dos límites de vertedura, incluído na última documentación presentada pola empresa antes do Informe favorable de Augas de Galicia"
Ecos da Comarca/A Ulloa
A Plataforma Ulloa Viva, unha vez consultado o expediente administrativo da DIA de Altri, posto a disposición na condición de parte interesada no mesmo, comunica o seguinte, en
relación co Informe de Augas de Galicia de 28/01/2025 e os datos de vertedura.
1.- A Plataforma Ulloa Viva alerta dun cambiazo nos VLE (valores límite de emisión) de vertedura, e respecto de dous dos contaminantes de maior impacto, o nitróxeno e o fósforo. "Dito cambiazo non ten outro obxectivo que pretender reducir o volume de carga contaminante ao río Ulla, sen que conste no expediente suficiente xustificación argumental
por parte da promotora para tal reducción respecto dos valores iniciais contidos na documentación sometida a exposición pública".
Publicidade
Tal e como consta no expediente ao que tivo acceso a Plataforma, "Greenfiber-Altri modificou os VLE de nitróxeno e fósforo respecto do proxecto inicial. No caso do Nitróxeno, pasando de 15 mg/L a 8,5 mg/L; no caso do fósforo, de 1,86 mg/L a 0,5 mg/L.
Dito cambio supón, cos datos aportados pola promotora, unha reducción do 43% para o
nitróxeno e do 73% para o fósforo respecto dos inicialmente presentados. Dito cambiazo de parámetros xustificase pola empresa unicamente en base a que: "Esto se ha podido lograr después de haber estudiado junto con los suministradores de tecnologías nuevos
procesos/etapas para permitir reducir al menor valor posible estos parámetros y siempre con la premisa/requisito de que se comprobasen factibles”".
Non consta, sinala Ulloa Viva, no expediente xustificación técnica acreditativa de tal cambiazo, "que non ten outro obxectivo que un artificio para expoñer unha suposta reducción das verteduras de nutrientes (nitróxeno e fósforo) ao río Ulla e a un encoro de Portodemouros que xa conta actualmente cun volume elevado de ditos nutrintes e que verá agravado o problema de se instalar a macrocelulosa".
De feito, é especialmente relevante e significativo, apunta a plataforma, "que nun informe técnico de Augas de Galicia (redactado por unha enxeñeira e polo comisario de augas), de data 22/04/2024, xa se alertaba expresamente na súa conclusión, de que “as masas de auga superficial afectadas polo proxecto atópanse en risco alto de incumprimento dos obxectivos medioambientais debido a impactos comprobados de enriquecemento en nutrientes e materia orgánica no caso da masa de auga do encoro de Portodemouros e impacto por enriquecemento de nutrientes no caso da masa de auga do río Ulla”. (o subraiado, no documento orixinal). (*)

"Pois ben, a “solución” e resposta de Altri a tal informe foi reducir artificiosamente e sen maior acreditación técnica os valores límites de emisión para aparentar reducir a carga
contaminante de nitróxeno e fósforo.

E chama poderosamente a atención que non consta no expediente que os autores dese informe técnico de Augas de Galicia avaliasen ou informasen posteriormente sobre a nova documentación presentada por Altri como consecuencia do seu informe previo".
2.- Pola contra, apunta Ulloa Viva, "o que si consta no expediente é que o Informe favorable de Augas de Galicia (AdeG) tivo como precedente respecto do impacto de vertedura un informe externo solicitado á consultora Aquatica Ingenieria. Informe solicitado en base á “especial complexidade” do expediente, tal e como consta no Informe de AdeG Dita consultora externa é a concesionaria dun contrato de asistencia técnica (licitado en
agosto de 2023 e adxudicado en abril de 2024 por importe de 702.718,80 € para os 2 anos
de contrato), cuxo obxecto é o servizo de apoio técnico a Augas de Galicia en materia de
análise técnica de expedientes relacionados coa planificación hidrolóxica na Demarcación
Hidrográfica de Galicia-Costa"-
Publicidade
Dito informe de Aquatica Ingeniería non figura no expediente, sinala, "(tampouco a data da súa emisión), a pesar de que foi solicitado pola “especial complexidade” do asunto o que,
obviamente, determina que debeuse ter en conta para fundamentar a emisión do Informe
favorable de Augas de Galicia, en especial en relación coa afectación ambiental das verteduras ao río Ulla e encoro de Portodemouros".
3.- Para a Plataforma Ulloa Viva a análise do conxunto do expediente Altri relativo ao informe de Augas de Galicia "evidencia as incertezas, sospeitas, interrogantes, xunto á certeza da externalización de informes e a omisión documental sobre un dos apartados máis relevantes e trascendentes como é o da vertedura de contaminantes".
Comments