top of page

Calvo convida a Román Rodríguez a Agolada para ensinarlle in situ distintas necesidades

Demanda que a Xunta lle ceda as antigas vivendas dos mestres ao Concello para

destinalas ao alugueiro para familias necesitadas ou apoio para poder abrir a biblioteca


Ecos da Comarca/Agolada

O equipo de goberno de Agolada aposta por mellorar as distintas infraestruturas para darlle unha mellor atención aos veciños. O alcalde, Luis Calvo, é consciente de que proporcionarlle os mellores servizos á cidadanía ten que ser a prioridade dun goberno. Así acaba de remitirlle unha carta ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, o lalinense Román Rodríguez, para ensinarlle in situ distintas instalacións que necesitan dun arranxo. Entre estas figuran as antigas vivendas de mestres, a biblioteca municipal, o auditorio ou os Pendellos.


“Temos moitos proxectos que nos gustaría trasladarlle en persoa ao conselleiro vendo as instalacións xa que consideramos que a traxectoria e experiencia de Rodríguez son imprescindibles”, apunta Calvo. “E por suposto, todas estas accións teñen como finalidade proporcionarlle aos veciños e veciñas de Agolada mellores posibilidades dentro da nosa vila”, engade.


Entre estes proxectos figura a apertura da biblioteca municipal. O rexedor quere poñer canto antes en marcha a biblioteca municipal de Agolada. “Xa que as bibliotecas cumpren unha gran función social, informativa e educativa para a sociedade polo que son fundamentais”, recalca o rexedor. Ademais, demanda un novo uso para as antigas vivendas dos mestres. “Pedimos que a Xunta llas ceda ao Concello para despois poder acondicionalas e destinalas ás familias máis necesitadas que terán que pagar un baixo

prezo de aluguer”. O goberno local de Agolada tamén lle pedirá ao titular de Educación pintar o colexio e o ximnasio.

As antigas vivendas de profesores de Agolada.


Por suposto, confiando en que Rodríguez acepte o convite de visitar Agolada tamén se desprazarían aos Pendellos e ao auditorio municipal, para que poida ver as deficiencias

que xa presenta este último tras recepcionarse, por parte do goberno do PP, en 2017. “Agradezo de antemán a Rodríguez a súa atención e desexo que nos visite para coñecer todas estas necesidades, porque a xente de Agolada debe ter os mesmos dereitos ante a Xunta que calquera outro Concello liderado polo PP, porque tanto un alcalde como o goberno da Xunta deben pensar ante todo nos cidadáns, sen mirar a cor política”, sinala.


De feito, o equipo de goberno de Agolada solicitará reunións con todos os conselleiros

para tratar asuntos das distintas áreas que afectan a este municipio, entre eles as parcelarias paralizadas dende hai anos.


Agradecemento á Deputación de Pontevedra

O rexedor aproveita para agradecer publicamente á Deputación de Pontevedra todo o apoio, atención e axuda que está dando ao Concello de Agolada. Sen ir máis lonxe, o alcalde agoladés tivo a honra de recibir na localidade o pasado domingo á deputada de

Cultura, Victoria Alonso, quen asistiu ao concerto de Odaiko, que ofreceu dentro do programa Musigal da Deputación. O mandatario aproveitou a súa visita para ensinarlle a Alonso os Pendellos e para falarlle de distintos proxectos culturais. “Foi un encontro moi fructífero”, recalca Calvo.


O alcalde avanza que convidará tamén á presidente da Deputación, Carmela Silva, para

que visite os Pendellos e para que coñeza de primeira man o que necesitan e tamén para abordar outros asuntos.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page