top of page

Cúmprense seis meses de protestas na Unidade de Reparto de Correos de Lalín

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Hoxe volven a concentrarse xunto á sucursal de Abanca en Lalín


Ecos da Comarca/Lalín

Este xoves, día 18 de xullo, ás 14 horas, os empregados de Correos de Lalín concentraranse xunto á sucursal de Abanca (rúa Joaquín Loriga 37) coincidindo coa feira. "Nela, mostraremos públicamente o noso profundo malestar e desacordo coa proposta de reestruturación de Correos en Lalín, onde nun acto simbólico queimaremos a proposta para denunciar ante a sociedade a precaria situación na que nos atopamos".


Comunicado da súa situación:

"Cúmprense seis meses de protestas na Unidade de Reparto de Correos de Lalín, nos que os carteiros reclamamos a cobertura de catro prazas que na actualidade están vacantes e cuxa carga de traballo temos que asumir entre o resto do persoal. Ante esta situación, Correos négase a cubrir ningunha das catro prazas e como alternativa propón a redistribución das cargas de traballo para facer efectiva a extinción das devanditas prazas.


Lonxe de solventar a problemática, a proposta de redistribución da empresa non supón unha solución á precaria situación laboral dos carteiros, xa sobrecargados para poder cumprir coas obrigas das súas rutas e das outras catro rutas carentes de cobertura. A proposta de Correos significa polo tanto a cronificación dun problema que nos últimos tempos comezou a repercutir no benestar físico e psicolóxico dos traballadores, que se ven forzados a realizar intensas xornadas de traballo, a raíz das cales xa se produciron varios accidentes e baixas por estados de ansiedade e estrés prolongados no tempo.


Por conseguinte, a actual sobrecarga de traballo supón que resulte dificultoso cumprir coa lexislación postal vixente, que contempla o reparto diario de correspondencia en todo o territorio. Isto implica unha perda significativa na calidade do servizo público que realiza Correos co conseguinte prexuízo para os veciños.

Autor: Ecos da Comarca.

Ademais, a proposta de reestruturación veu acompañada dunha petición de “rebaixar a intensidade das protestas”. Porén, os carteiros de Lalín queremos manifestar que as concentracións continuarán ata que se cumpran as nosas demandas e se atope unha verdadeira solución efectiva e a longo prazo.


De igual xeito, malia que Correos xustifica que pon reforzos de persoal en temporadas de maior traballo, a realidade é que son parches e que en moitos casos non se cobren tampouco as vacacións do persoal. Así é que, de sete carteiros que debería haber para atender o casco urbano de Lalín, a pasada semana había traballando dous e a presente comezaba con tres. Con este tipo de situacións os carteiros sentímonos desamparados por parte da empresa xa que isto supón incrementar de xeito desmesurado a sobrecarga que xa vimos soportando mentres que nós somos a cara visible da empresa ante os veciños.


Ademais, respecto ás poucas contratacións que se realizan, os carteiros eventuais, inscritos nunhas bolsas de emprego cuxas listaxes non son públicas, denuncian a opacidade na contratación e manifestan o seu malestar polas continuas irregularidades que aprecian. Na mesma liña, o empregado con destino en Barcelona que leva oito meses solicitando unha conciliación a Correos para desprazarse a Lalín segue vendo como a empresa desoe as súas peticións.


Publicidade

Preme na imaxe para contactar con nós.

Ante a súa última solicitude, na que Correos demandou nova documentación para xustificar a petición (cando xa se enviara toda a documentación precisa para este trámite), remitiulles nova documentación no mes de maio e a día de hoxe continúa á espera de resposta. Ademais, o desprazamento no concurso de traslados ofrecido inicialmente como solución tampouco chega nunca a termo, xa que transcorridos sete meses do presente 2024 non se produciu aínda a primeira asignación do concurso neste ano.


En consecuencia, para manifestar o noso profundo malestar e desacordo coa proposta de reestruturación de Correos, hoxe, día 18 de xullo ás 14:00 horas, faremos unha nova concentración co apoio das forzas sindicais na entrada da feira, xunto á sucursal de Abanca (rúa Joaquín Loriga 37), onde nun acto simbólico queimaremos a proposta e mostraremos novamente ante a sociedade a situación na que nos atopamos. Así é que, por máis que se intenten reprimir as nosas protestas, continuaremos demandando condicións dignas nos nosos postos de traballo".

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page