top of page

Bota a andar en Arzúa a primeira edición de O Xardín dos Contos

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Trátase dun novo programa de animación á lectura con tres sesións de contacontos ao aire libre no xardín da Casa de Correos


Laura Moure/Arzúa

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza dentro da programación cultural do verán un novo programa de animación á lectura baixo o título de O Xardín dos Contos con tres sesións de contacontos nos meses de xullo, agosto e setembro dirixidos a público infantil e familiar.


Os espectáculos escollidos para esta primeira edición son Coser e contar de Marta Ortiz, Lúa triangular. Nada é imposible de Jara Ortiz e Contos de nenas grandes e pequenas da compañía Tropa de Trapo.

O primeiro deles, Coser e contar, terá lugar este venres, 19 de xullo, a partir das 19:30 horas no Xardín da Casa de Correos. Unha viaxe que parte nun taller de costura, un lugar máxico aos ollos da nena protagonista que escoita contos, coplas, cancións en boca da súa avoa, nai e tía mentres traballan. Contos tan antigos como o oficio da costura. Puntada a puntada percorreremos mundos onde os fíos falan, as caixas de costura abren as portas da fantasía e os bastidores de bordar son ventás onde asomarse a historias prohibidas.


Neste espectáculo atoparemos narración oral, música, teatro de obxectos e pezas enlazadas polas coplas do Cancioneiro da Agulla. Unha homenaxe ás mulleres de mans sabias que foron as primeiras narradoras e transmisoras de coñecemento.


Publicidade

Preme na imaxe para contactar con nós.

As dúas sesións restantes levaranse a cabo os venres 9 de agosto e 20 de setembro tamén no Xardín da Casa de Correos ás 19:30 horas. A entrada será libre e de balde.


O concelleiro de cultura, José Luís García, convida ás familias a “participar nesta nova proposta que fomenta a lectura, un dos piares da programación cultural ao longo de todo o ano”. Ademais, anima a “arzuás, arzuáns e visitantes a gozar dun novo espazo aberto á cultura e ao lecer como é o Xardín da Casa de Correos que pouco a pouco irá acollendo máis actividades”.


0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page