top of page
Foto del escritorLaura Moure

Bosques terapéuticos abre esta fin de semana as rutas de xullo cun percorrido pola fervenza do Toxa


Laura Moure/Silleda

O programa “Bosques Terapéuticos”, co que a Deputación de Pontevedra está a promover actividades baseadas na terapia de shinrin yoku ou “baño de bosque”, unha técnica orixinaria de Xapón que consiste en internarse na natureza para relaxar a mente e reducir o nivel de tensión, abre a súa andaina do mes de xullo en Silleda e Poio. O sábado 1 terá lugar un percorrido pola Fervenza do Toxa e o domingo 2 de xullo pola contorna da illa de Tambo, onde as persoas participantes poderán desfrutar dunha actividade que mestura natureza, exercicio, cultura, historia e saúde.

A ruta pola Fervenza do Toxa amosa a beleza desta contorna situada en Pazos, no concello de Silleda, onde a verde vexetación, a rocha e a auga se funden para acadar esta obra mestra da natureza. O río Toxa cae uns 30 metros en vertical e esculpe a rocha de mil xeitos, todo rodeado dun denso bosque de carballos, castiñeiros, sobreiras e decenas de especies máis. En Galicia as fervenzas chámanse de forma diferente segundo a zona na que se atopen e reciben moitos nomes como abanqueiro, cadoiro, freixa, feixa, ruxida, ruxidaira ou seimeira. A Fervenza do Toxa tamén se coñece ás veces como Cataratas de Pazos, pola parroquia onde se atopa.

Pola súa banda, o itinerario pola illa de Tambo, de 2,5 quilómetros, percorre un enclave natural e histórico cheo de espazos para desfrutar con toda a intensidade dos baños de bosque. O percorrido por esta illa, que abrangue unha extensión total de 28 hectáreas e acada unha altitude de 80 metros no alto de San Facundo, atravesa elementos naturais como é o caso da praia Area Grande e o seu sistema de dunas. Tamén destacan os taffonis e o abundante patrimonio construído, que inclúe o faro, restos dun lazareto e un albergue, un polvorín e os peiraos.


As dúas rutas, que comezarán ás 10:00 horas, parten dunha premisa fundamental: abrir os cinco sentidos, respirando a fondo e camiñando mentres se conecta coa natureza. Porén, os e as asistentes son instados a desconectar os dispositivos móbiles, observar a luz solar que penetra entre as follas, percibir os sons e aromas que as e os rodean, camiñar en silencio e en calma e deixarse levar sentíndose parte da experiencia. De feito, o importante non é facer moitos quilómetros, senón desfrutar do camiño lentamente e prestando atención ao que se atopa no paseo.

Quen queira desfrutar destas saídas dos “Bosques Terapéuticos” terá que agardar ata agosto xa que as rutas do mes de xullo esgotaron a totalidade das prazas ofertadas. Neste vindeiro mes os percorridos pola fervenza do río Toxa continuarán os días 16 e 30 e pola Illa de Tambo o 22 de xullo. Amais, o día 8 o programa recalará no lago de Castiñeiras; o domingo 9 de xullo continuará pola carballeira de San Xusto; o sábado 15 polo río Eifonso; o domingo 23 pola Ruta da Pedra e da Auga e o sábado 29 pola ponte colgante do Lérez. Para as rutas do mes de agosto o prazo de inscrición abrirá o 17 de xullo e os percorridos comezarán o día 5 pola Ruta da Pedra e da Auga e continuarán o 6 pola illa de Tambo, o 12 polo lago de Castiñeiras, o 13 na carballeira de San Xusto, o 19 polo río Eifonso. Para finalizar, o domingo 20 de agosto a ruta será pola ponte colgante do Lérez.


0 comentarios

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page