top of page

Boimorto presume de Magreco, unha feira que é referente provincial na promoción do rural

A alcaldesa resalta que a “exposición de maquinaria novidosa e a poxa de xovencas” contribúen a dar visibilidade “ao bo facer dos nosos agricultores e gandeiros”



Laura Moure/Boimorto

A alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, amosouse este sábado orgullosa da evolución que experimentou nestas once edicións a feira multisectorial Magreco. O que comezou como unha humilde feira para darlle visibilidade ao bo facer dos agricultores e gandeiros do municipio e da súa comarca, “convertese hoxe nun referente a nivel provincial”, asegurou a rexedora. En Magreco pódense ver “as últimas novidades en tractores, apeiros e maquinaria forestal, e unha incrible seleccións de animais, reflexo do traballo e do esforzo dos nosos gandeiros e unha oportunidade para a mellora xenética das explotacións”, afirmou.


María Jesús Novo e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, inauguración onte a undécima edición de Magreco, unha feira que, ademais da exposición de maquinaria agrícola e forestal e a poxa de xovencas rubias e frisoas, ofrece un amplo e variado programa de actividades pensado para toda a familia.

A delegada da Xunta puxo de relevo na súa intervención a potencia do sector agrogandeiro na nosa comunidade, que se sitúa como "líder indiscutible" no ámbito nacional e como referente internacional, xa que se atopa entre as primeiras rexións europeas produtoras. Belén do Campo destacou que o sector leiteiro é "un eido estratéxico" para Galicia no que desde a Xunta "actuamos en consecuencia" a través do apoio a todos os axentes do sector.


Asistiron á inauguración de Magreco os alcaldes de Arzúa, Mesía, Vilasantar, Frades e Santiso, e representantes das corporacións de Boimorto, Arzúa, Oroso e Melide. As autoridades visitaron despois a exposición de maquinaria, na que hai tractores de última

xeración que superan os trescentos mil euros. As principais marcas levan dende o venres amosando as últimas novidades nun sector moi dinámico. Despois, tamén visitaron a

exposición de xovencas de raza rubia galega e frisoa polas que hoxe van poxar os gandeiros da contorna que todos os anos se achegan ata Boimorto para facerse cos mellores exemplares para seguir mellorando as súas ganderías.


Na súa intervención durante a inauguración María Jesús Novo, deulles as grazas a todas as persoas que durante estes anos contribuíron a facer posible a evolución de Magreco. Dende a xente do mercado de artesanía e produtos de alimentación que se poden ver no

polideportivo, ata as persoas que ceden os terreos para a feira e os aparcadoiros ou prestando material. “Grazas a todos e todas vos seguimos medrando ano a ano, con máis maquinaria, máis expositores, máis actividades para toda a familia” e novidades que ano a ano se van introducindo no programa de Magreco, como a exposición de cetrería, a cargo de Falcóns Galicia, que espertou admiración entre as persoas que presenciaron as dúas exhibicións de voo deste sábado.


A asociación Amarai impartiu un obradoiro de coiro e de macramé para persoas adultas, e a cativada puido gozar decorando macetas noutro obradoiro. Para hoxe, domingo, despois de xantar, nenos e nenas xa inscritos aprenderán a facer pan noutro dos obradoiros programados en Magreco 2025. A subasta de xovencas de raza rubia galega e frisoa será, hoxe, o prato forte da xornada.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Os gandeiros que queiran incorporar novas reses as súas explotacións poderán mercar algúns dos exemplares que se subastarán a partir do mediodía. María Jesús Novo agradeceu o apoio das entidades colaboradoras con Magreco, como a Consellería do Medio Rural, a Deputación da Corua, Tractor Ocasión, Acruga ou Africor, estas dúas últimas coordinadoras da poxa de xovencas. A alcaldesa destacou a importancia do patrocinio de Abanca Agro “para que Magreco se siga consolidando como un referente para dinamizar e poñer en valor a importancia do noso rural”.


Polbeiras e foodtrucks

Para poder desfrutar da feira durante todo o día, tanto onte, como hoxe, domingo, están instalados diversos postos de comida. Hay tres polbeiras e foodtrucks con diferentes propostas, ademais de postos de alimentación variados.


Unha culinaria que se completou coa presenza da foodtruck de Galicia Sabe Amar, coa que a Xunta de Galicia ponte en valor os produtos galegos. NOS VINDEIROS DÍAS PUBLICAREMOS VÍDEO.




Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page