Boimorto acolle do 27 ao 29 de marzo unha nova edición da feira agroforestal e tradicional Magreco
- Laura Moure

- 23 mar
- 1 min de lectura
O evento inclúe unha ampla programación centrada na promoción do sector primario e do medio rural
Laura Moure/Boimorto
O municipio de Boimorto celebrará os días 27, 28 e 29 de marzo unha nova edición de Magreco, a feira de maquinaria agrícola e forestal e mercado tradicional que terá lugar no Campo do Rosario e que reunirá durante tres xornadas profesionais do sector, artesáns, gandeiros e público en xeral.

O evento inclúe unha ampla programación centrada na promoción do sector primario e do medio rural, con exposición de maquinaria agrícola e forestal, mercado ecolóxico, postos de artesanía e diferentes actividades dirixidas a todos os públicos.
A programación arrancará o venres 27 coa celebración de Agrofortec, unha xornada de formación agroforestal orientada á mellora das prácticas no sector e á transferencia de coñecemento entre profesionais.
Publicidade
Durante a fin de semana desenvolveranse tamén citas destacadas como a poxa de xovencas, unha das actividades máis agardadas polos profesionais da gandería, así como demostracións de talla de madeira con motoserra, que achegarán ao público o traballo artesanal en directo.
Ademais, a feira contará cun espazo dedicado ao mercado ecolóxico e outro ao mercado de artesanía, reforzando o carácter tradicional e divulgativo do evento, xunto cunha importante presenza de empresas especializadas en maquinaria agrícola e forestal.
PUBLICIDADE
O Concello de Boimorto organiza esta cita coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, entre outras entidades patrocinadoras. Magreco consolídase así como unha das citas de referencia nas comarcas para a promoción do sector agroforestal, o produto local e a dinamización económica e social do rural.








Comentarios