top of page
Perruquería Marisa.gif

Boas sensacións para o GTR no Trail Cova da Bruxa

Ademais dos catro galaicos, dous socios do Club tamén participaron nesta proba


Ecos da Comarca/Deza

Unha pequena delegación do GTR Galaico Trail Run desprazouse ata Muros (A Coruña) para participar no II Trail Cova da Bruxa, organizado polos compañeiros do Serres Runners. Ata terras muradanas foron Mario Félez e Martín Costa, participantes do Trail Curto (13 km e 550+) e Andrea Vázquez e Javier Carballude, inscritos no Trail Longo (22 km e 1200+).

O pequeno dos trails tiña un percorrido de 13 quilómetros no que destacaban os fermosos, pero duros, camiños rochosos á beira do mar, as baixadas rápidas e perigosas en terreo pedregoso e a ascensión á Crus de Pelos onde esperaban as bruxas coas súas músicas. Os nosos corredores tiveron unha participación moi destacada, quedando moi contentos coas súas marcas.


O Trail Longo, de 22 quilómetros, compartía os primeiros 10.000 metros co curto, separándose na baixada da Crus para ascender outros dous picos de extrema dureza. A néboa, intensa dende a saída, non permitía ver o final dos cortalumes de máis de 300 metros positivos. Ademais, houbo que engadirlle un inesperado invitado, o barro. Isto deulle máis dificultade aínda á carreira pola importante técnica necesaria das baixadas. "Foron moitas as caídas que sufriron os nosos corredores, sen lamentar danos físicos. Dende o Club, destacamos o papel de Andrea que, aínda que non se recuperara ao 100 % dun problema estomacal, decidiu empezar a carreira que tivo que abandonar pasados o 15 quilómetros".

"Destacar, en último lugar, a presenza da socia e federada Patricia Varela (gañadora do Trail Longo) e do socio Iván Sangi (terceiro posto do Trail Longo), que nesta ocasión representaban aos seus clubs de atletismo. Varela participou co Arenteiro porque a proba estaba regulada e contaba para selección da Federación de Atletismo", indica o clube.


Proba de Outes e Carreira do Cocido

Na anterior fin de semana, os deportistas Tania Jordedo, Fátima Nogueira e Diego Agra foron ata Pontenafonso para desputar o Trail de Outes. Esta proba abranguía dúas distancias, 21 km con 934+ e 15,5 km e 717+. O tempo acompañounos e ambas distancias destacaban por ter varias petadas, sobre todo cortalumes, e estaban perfectamente sinalizadas. As deportistas Jordedo e Nogueira acadaron un 3º posto na distancia de 21 km e un primeiro na de 15 km, respectivamente.

Así mesmo, nesa fin de semana tivo lugar a XIII Carreira do Cocido que contou cunha alta

participación do Club tanto en número de voluntarios/as como de corredores. "Aínda que esta proba é de asfalto, era preciso colaborar tanto achegando deportistas como persoal para a súa organización, posto que é unha proba local e do Club Atletismo Deza, co cal o GTR ten boa relación".

23 visualizaciones0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page